Benquerido Santo Antón:
Supóñote ben sabedor das cousas que pasan polo mundo, pero por se hai algún detalle que che escapou, velaí a miña información deste mes.
Seguro que non sabías aínda que eu mesmo, concelleiro polo BNG no Concello de Abadín durante oito anos, deixei de ir de candidato á alcaldía. Xa son oito anos, xa non son un pícaro, e hai que deixar paso; claro que me magoa pensar que quizais non hai quen me substitúa e esta presenza política quede baleira. Que saibas que entendo que é moi necesario o labor político como forma privilexiada de loitar pola “casa común”. Pero que saibas tamén que o labor político, moitas veces, no canto de ser unha confluencia de ánimos e pensamentos para atinar co mellor para quen máis o necesita, convértese nun afán louco de desacreditar a persoa distinta, para prevalecer sobre ela; dese xeito, o que ten o precioso arrinque de servizo remata no noxo da chulería e do poder.
Non sei se segues a campaña electoral destas semanas en toda a pel do touro; xuraría que non porque non terás ganas de quentar o xenio, pero asegúroche que non hai touro en toda Galicia nin tampouco na toureira España que tantos bufidos dea e tantas cornadas intente coma as que dan ou intentan as persoas que pretenden gobernarnos. Con estes comezos, mal se vai facer o traballo común que cómpre facer.
Que saibas que o 18 de maio celebraremos o San Cidre e o día do Mundo Rural en Castro de Rei, con Misa, mesa e música (os tres emes), como Deus manda. Sei que tes por compañeiro no seo de Deus ao querido Xosé Manuel Carballo; pásalle a nova, por favor. Invitamos a xente rural e non rural de toda Galicia ao redor do lema “Sementando esperanzas”, dedicado maiormente á xente nova que se mantén no campo ou que a el volve despois doutros intentos laborais. Para outros anos, na diocese de Mondoñedo-Ferrol iremos celebrando o día do San Cidre polas diferentes comarcas, para valorar o campo e agradecelo nestes momentos de debilidade, e para enganchar ben a experiencia relixiosa no pasado, no presente e no porvir das nosas aldeas. Estás invitado. Sabes que a xente do campo tenche moita lei, e aínda que as festas do Santo Antonio se celebran en xuño, iso é por buscar o bo tempo para os festexos, porque –sen desprezar a ninguén— a quen de verdade quere a xente do campo é ao Santo Antonio lacoeiro, que o es ti. Por algo será.
Cóidate. Cóidanos. Fainos xente varuda, que os tempos que veñen semellan recios. Pero fainos tamén xente de humor e festeira, que se non, non hai quen viva. Contesta axiña, se podes. Apertas a ferrados por aí.