A cousa comezou na Armenteira: nunha canteira e cunha acampada, no ano 1973 nacía a Pascua Xove de Arousa. Na segunda semana da Pascua celebrouse no colexio das Filipenses de Vilagarcía a 50 edición. Había oito anos que rematara o Concilio Vaticano II e inzaban por todo o mundo novas experiencias pastorais impulsadas pola primavera eclesial. Xaime Vaamonde, un cura mozo e creativo entende que hai que abrir novos camiños e linguaxes para unha mocidade que comeza a desconectar do formato relixioso oficial. Son os tempos de Xesucrito Superstar, do gospell, dos happenning, da teoloxía da liberación, da misa campesiña… Toda unha fervenza revolucionaria. O grupo musical Airiños estivo no berce da historia, virían logo Cantareliña, As Romaxes… A Pascua Xove organizouse nun potente, democrático e profético secretariado, onde o irimego Pepe Manteiga foi parte fundamental. José Aldao, cura resistente desde as orixes da Pascua, foi este ano presenza luminosa, xunto ao cantautor Migueli, tantos veces presente na experiencia. PAGA A PENA SEGUIR foi o lema desta edición. Non é nada, cos tempos que corren. Manuel Cachaldora, párroco da Xunqueira coordina con ánimo e alegría as pascuas das últimas decadas, acompañado dun grande equipo de monitores, músicos e voluntarios. PAGA A PENA apoiar esta experiencia, en tempos mirada con desconfianza. Os 300 mozos e mozas que percorreron o Camiño de Emaús ata a alegre igrexa da Xunqueira así nolo amosan. Parabéns, Pascua Xove!

O bispo Jacques Gaillot foi tamén unha estrela luminosa nestes anos primaverais. Descolgouse da oficialidade e arrimou a desposuídos, inmigrantes, represaliados e xentes desbotadas. Foi apartado da diocese polo Vaticano. Xurdiu entón unha diocese virtual: Partenia, con milleiros de seguidores en todo o mundo. Foi profeta e mártir en vida. Unha igrexa que non serve, non serve para nada é o título dun libro seu contundente e subversivo. Un día xantamos con el en Santiago e, falando sobre a catequese, deixounos unha advertencia pastoral: “A catequese de nenos é escribir sobre a area; a de adultos é gravar na rocha”. Pasado o tempo, os bispos franceses acolleron de novo a Gaillot e o Papa Francisco recibiuno con agarimo no Vaticano. Gaillot foi coma Xesús camiñando sobre o mar. Mágoa que non lle fixesen caso. Faleceu na octava de Pascua. Obrigados, irmán monseñor!