Unha dos tesouros que agacha o Museo é o Arquivo do Patrimonio Oral, aberto quen queira investigar ou consultar. Milleiros de gravacións, textos, testemuños, recolleitas, salvados do esquecemento. Mini e Mero cederon os seus arquivos de milleiros de verbas e cantos recollidos de todas partes do país. Tamén o legado de persoas extraordinarias como Dorothé Schubart, musicóloga suíza que percorreu a Galiza facendo recolleitas de cantos, sons, e tradición oral.
Hai uns días o amigo e irimego Baldomero Iglesias, Mero, presentou un libro ben importante e cun traballo de máis de dez anos: Breviario breve da devoción popular. A Historia vén de moi atrás. Un día un crego retou a Mero a que lle demostrase que a xente galega rezaba en galego. Mero espetoulle un feixe de rezos populares que acalaron aquel crego truchón que dicía o P. Sarmiento. Mero puxo empeño en recoller canta oración ou rezo escoitou pola nosa terra. Grazas Mero por saber recibir, pero sobre todo por saber devolver ao pobo tanta riqueza. Velaí:
Padrenoso pequeniño, guíame por bon camiño.
Alá fun, aló cheguei, tres Marías encontrei,
Preguntando por Jesús, Jesús estaba na cruz
E na cruz e no altar, cos peíños a sangrar.
Tente Madalena, tente; non nos veñas maguar,
Que estes son os traballiños que por ti hei de pasar,
Por ti e por todo o mundo, de Jesucristo andar.
© Fonte de foto: Museo do Pobo Galego