Santa María Mesiana de Romariz
Quero compartir cos lectores e lectoras de Irimia a nova dunha canonización popular que o pasado 10 de febreiro fixemos na parroquia de Romariz (Abadín), cando recoñecemos como santa a María Rivas Ledo, coñecida como María da Mesiana. Coincidiu esta canonización coa celebración da súa morte, acontecida o día anterior.
María da Mesiana foi unha muller humilde, case marxinal, que de nova apañou varios fillos e fillas, seguramente nun exercicio machista por parte de quen se achegou á súa natural fame de amores e tenruras. Coidou os fillos -algúns deles con serios problemas- o mellor que puido dentro da súa pobreza. Traballaba de xornaleira; ás veces coincidimos facendo traballos agrarios, aínda que o seu xornal era unha urxencia vital e o meu case un adobío. Vivía nunha choupana de terra de 10-12 m2, limpa e ordenada. Gustaba de levar prendas floridas e era tamén amante das flores que coidada e lle regalaba á xente e a Deus na igrexa. Foi sancristá da parroquia e velou pola casa dos curas mentres a saúde llo permitiu. Cumpría á perfección polo amor ás persoas do equipo pastoral, á parroquia e ao mesmo Deus. Non sabía teoloxía, pero amaba moito. Gustáballe dar e recibir regaliños e consideracións. A min queríame moito. Era alegre dentro da súa, ás veces extrema, pobreza, que levaba con dignidade. Buscaba e, no que podía, ofrecía amparos. Xa de maior foi para unha residencia en Mondoñedo, onde foi ben coidada pola comunidade relixiosa e polas coidadoras que a atendían. Gozou moito cos agarimos das monxas de Abadín, que a visitaban con certa frecuencia. Conforme se ía achicando, a súa existencia foise facendo máis confiada, máis pacificada, dispoñéndose para a Gran Paz da que agora goza. Está enterrada no cemiterio municipal de Mondoñedo.
É santa, xa vedes, pola humildísima maneira de buscar un oco de dignidade no medio da súa vida azarosa e, sobre todo, por dereito evanxélico, pois foi Xesús mesmo quen nos asegurou que “os seus anxos, no ceo, están sempre contemplando o rostro do meu Pai celestial” (Mt 18, 10), que quere dicir que ten un posto de privilexio no mesmísimo corazón de Deus.
Como tal santa, preparámoslle unhas ladaíñas, que rezamos aquel día para agradecer a súa existencia e coller forzas para dignificar calquera vida vulnerada, propia ou allea.
María Rivas, a 1ª pola esquerda, acompañada de dúas das súas irmás monxas de Abadín, Paquita e Rosa. Foto do ano 1988
Ladaíñas por Santa María Mesiana
Santa María Mesiana. GRAZAS POR TI.
Humildísima muller de aldea. GRAZAS POR TI.
Rostro humano de Deus entre nós. GRAZAS POR TI.
Buscadora de amores e tenruras.
Mai coidadora das criaturas que pariras.
Mai atribulada e dolorosa polos teus fillos.
Muller que no traballo duro buscaches o teu sustento e o dos teus.
Santa María xornaleira.
Muller resistente e sacrificada.
Muller ordenada e limpa na túa pobrísima casiña.
Muller alegre e festeira.
Muller que gozabas con vestidos de luces e cores.
Muller de grazas e risas.
Muller agarimosa.
Muller tantas veces amiga e irmá.
Criaturiña amada e preferida de Deus.
María amante e coidadora das flores.
María amiga de ser regalada e de regalar.
María sancristá da comunidade.
María que limpabas a casa de Deus e da comunidade.
María que honrabas a Deus e a xente coas túas flores.
Muller membro humilde, pero ben importante, do corpo da parroquia
Muller agradecida cos coidados recibidos.
Muller santiña de Deus.
Muller querida e apreciada por Deus.
Muller apreciada tamén pola xente.
Pequena de Deus achegada na terra e no ceo ao seu corazón.
María, que espertas a nosa conciencia cara á xente empobrecida.
Santa María dos amparos.
Santa María do regalo e da esplendidez.
Santa María do gozo e alegría.
Santa María do máis humilde e máis pequeno.
Santa María Mesiana de Romariz.