Comezou o tempo da coresma que para a maior parte da xente xa non significa nada. Se vou a unha escola e lle digo a unha nena que non pode comer carne, pois mírame con cara de ollomol. Canta xente garda a vixilia? O xaxún? O mércores de cinza é unha celebración arqueolóxica na maior parte das parroquias da nosa terra.

Teño algúns veciños que viven nos EUA parte do ano e contan que aló o catolicismo é ben distinto do de acó. Contan que o mércores de cinza van cedo á misa e poñen a cruz na fronte e van con ela a traballar todo o día sen a borrar. Pode ter sentido nun mundo tan multicultural e plurirrelixioso. Por aquí habíanos chamar fanáticos ou sectarios. Eu non lle dou tanta importancia porque cando os símbolos hai que explicalos xa non simbolizan nada.

Para min o grande interrogante é se a nosa vida, as nosas comunidades, son alternativa a unha sociedade de consumo e benestar. A austeridade, o compromiso ecolóxico, o compartir deberían ser os símbolos da nosa preparación a Pascua. Na miña parroquia decidiron que cando hai unha festa, non hai vasos nin pratos de plástico. Pois paréceme un signo coresmal. E se decido prescindir dos faceboks, twiters, whasapps… (non sei ben como se escriben) pois tamén é un signo coresmal e un xaxún moi san.

Temos un serio problema de linguaxe. Falamos coma hai 200 anos e a xente non nos entende. Como di o mestre Torres Queiruga hai que repensar, reformular e eu diría refacer a linguaxe. Ás veces, cando estou na misa e len que Xesús andou por riba do mar e non explican o simbolismo do texto, quedo parvo matinando que pensará o persoal.

Hai uns días, topei en Ferrol, no escaparate dunha libraría de toda a vida, un cartaz que dicía: PECHADO POR MELANCOLÍA. Seica é o título dunha novela dun libreiro arxentino. Moito me temo que co tempo poñeremos un cartaz semellante na porta das parroquias, se non mudamos a linguaxe e os signos.

Como exercicio de Coresma propoño este itinerario monacal de sempre:

  1. TRABALLAR: non andar ociosos
  2. SABERNOS PECADORES: non crerse mellor ca ninguén
  3. SOMETERSE AOS DEMAIS: non fixarse nas faltas dos outros, e confiar na bondade de Deus