Cando hai poucos anos Enrique de Castro deixou de exercer como párroco en Vallecas, dedicouse sobre todo a cociñar, cousa que levaba facendo moito tempo. Cociñaba para a xente que tiñan acollida na casa: inmigrantes sen papeis, presidiarios, toxicómanos, mozos da rúa… Se a moitos cristiáns de hoxe en día lles contasen dun cura de boa familia que pediu ser enviado ao Vallecas dos anos 70, onde as chabolas conformaban o urbanismo da miseria, onde a heroína era o pan cotiá, onde o paro e a delincuencia estragaban a xente…, non o crerían. Son historias que non se contan, cousas de comunistas.

Enrique levaba a profecía no rostro, na voz e na acción. Soubo de malleiras na DGS e de días en Carabanchel, pero o que peor levaba era a persecución e criminalización dos rapaces que acollía e polos que loitaba sen acougo. Viñeron aquelas misas revolucionarias onde todas partillaban, onde ata musulmáns e ateos participaban. Viñeron tamén as condenas. Houbo amigos, moitos e bos: Xulio Lois, Padre Llanos, o bispo Iniesta… A policía infiltrábase nas asembleas comunitarias, e veña denuncias. Enrique pasou horas nas comisarías tentando liberar moita xente detida.

Marchou a mediados de febreiro. A súa morte apareceu en medios de todo o Estado. Mais houbo un silencio escandaloso, sabedes onde?

O mércores de cinsas leo un comentario do Papa Francisco: “As cinsas pousan sobre as nosas cabezas para que o lume do amor prenda nos nosos corazóns”. Enrique de Castro, cura rojo de Vallecas, viviu co corazón incendiado, coma Xesús.