Achégase o Día do Seminario pola festa de San Xosé.

Unha boa nova para a Igrexa galega foi a creación dun novo seminario maior interdiocesano: o Seminario Santiago Apóstolo, que integra seminaristas das dioceses de Santiago, Mondoñedo-Ferrol e Tui-Vigo. Comezou a funcionar neste curso 2024-25. Ten moitas vantaxes, unha delas é que todos os curas de Galicia se coñezan. Tamén é unha riqueza contar cunha formación conxunta.

A cousa veu do Vaticano, preocupado por certa deriva conservadora nalgúns centros de España e polo reducido número de seminaristas nalgunha diocese. Ourense e Lugo, de momento, manteñen o número suficiente para continuar en solitario, pero sería bo que se achegasen ao proxecto nos vindeiros anos.

O novo seminario nace cos ventos do Sínodo da Sinodalidade: “Nunha Igrexa sinodal, os presbíteros están chamados a vivir o seu servizo nunha actitude de proximidade á xente, de acollida e escoita de todos, abríndose a un estilo autenticamente sinodal”, di o documento final do Sínodo.

No mes de decembro, o papa Francisco recibiu os 22 seminaristas xunto cos seus formadores e bispos e díxolles palabras ben fermosas: “Atoparedes persoas en momentos difíciles ou feridas… sexade para todos testemuñas da alegría do Evanxeo, brindádelles a tenrura e o consolo do Señor para que sanden as ampolas do camiño, sexade frechas amarelas que indican o camiño a Xesús”.