Folgámonos moito, aquí no seo e espazo de Deus, coa cartiña que nos mandou hai dous meses o tamén amigo Regal. E folgámonos aínda moito máis coa presenza entre nós de Isabel Requeijo Román, esa veciña de Cabaneiro, en Abadín, Lugo, que hai pouco vos deixou.

Rezo polo papa Francisco.
© Foto: CNS photo/Pablo Esparza
Este intercambio entre nós e vós é unha cousa moi fonda e, ao tempo, moi sinxela, que non ten nada que ver con algunhas historias que ás veces vos montades aí na Terra cando pensades en nosoutros. Por exemplo, quedamos aquí abraiadas —aleutas, como din por Abadín—, cando un tal presidente Trump ousou dicir que Deus o salvara de morrer dun balazo na cabeza nun atentado, porque o mesmo Deus o tiña reservado para devolverlle a gloria á súa nación e, coa súa nación, ao mundo enteiro. Que doado é envolver en falsa fe as nosas conveniencias!
E tamén nos preocupa un pouco aquí o mal que se pode entender iso de facer oracións e oracións pola saúde do papa Francisco. (Vaia para el todo o noso agarimo e solidariedade; desde aquí tamén pregamos que teña o mellor espírito e a mellor atención médica para poder repoñerse, cousa que facemos tamén, xaora, con calquera outra persoa enferma).
É que, con tanta oración, valéndose incluso da mediación de persoas tan singulares como Santa María, é moi doado que se tire a conclusión de que Deus é de corazón duro, que precisa do noso dálle que dálle, e que, se non se ve apertado pola influencia dalgunha persoa amiga, non acaba por concedernos o que lle pedimos.
A oración, dentro desa “comuñón dos santos e santas”, poderiámola entender así: sabernos en Deus con todas as nosas fraxilidades e fortalezas, e saber sempre a Deus en nós con todo o seu potencial de amor e alento; sabernos non como individuos soltos, senón como comunidade que nos alentamos nesta vivencia; fortalecernos deste xeito no corpo e no espírito, e, antes e despois, poder buscar, esixir e defender o mellor servizo posible de saúde, para todo o mundo. Para expresar isto na vosa oración, din por aquí que deberiades cambiar bastante as formas da vosa oración.
Ben, xa me diredes. Apertas logo, dentro desta fonda comuñón que nos une.