Benqueridas amigas e amigos,
Estaba eu, o voso santo Antón, agardando resposta á última carta que vos mandei, van aló dous meses, cando hoxe mesmo o carteiro do ceo –ese ao que vós lle chamades a Ruah– me trouxo un paquetiño co libro de Manolo Regal Ledo titulado Na soleira do Deus da vida. Moi contento me puxen! Ves, aínda que un anda por aquí polo ceo, onde o temos todo por máis que nada necesitamos, gústame recibir destes agarimos. Abrín o libro con ilusión e vin de que ía a cousa: argalladas do Regal, que anda sempre dándolle voltas á vida e a Deus, a Deus e á vida, sabendo que no fondo son unha única e fermosa cousa e bendición.
Lino de coiro a coiro dun tirón. Aquí as cousas son así, non contan os tempos. Vexo que o seu amigo Xosé Antón lle fai un prólogo moi aquelado, narrando a traxectoria vital e literaria do Manolo. E logo ten seis partes: INVITACIÓN, onde ousa situarnos en diálogo coa presenza da novidade do Deus de Xesús; DO BERCE ATA A GLORIA, na que se lle ve gozando ao achegarse ás pegadas do noso Señor nese voso mundo; DA MAN DE SANTA MARÍA, onde, con gusto e maneiras populares, pretende deixarse agasallar pola grandeza desa humilde muller de aldea que foi María de Nazaré; NA ROLDA DA VIDA, e aquí hai de todo, como na vida mesma, e todo buscando ser vivido desde unha maneira cristiá de ver e de sentir; AUTORETRATO, que lle serve a Manolo para nos ir contando en forma de pregarias o complexo proceso da súa existencia, a través do cal se foi facendo algo home e crente; e DECÁLOGO DUN LAICADO FRATERNO, un texto no que deseña as formas dun laicado polo que tanto se suspira na Igrexa nestes momentos.
Xa veredes, se o ledes: o libro é para rezar e meditar e vivir. Todo vai escrito en forma de pregarias ou meditacións, unhas máis curtas, outras máis longas; algunhas con forma poética case sempre popular, próxima; outras máis en forma de prosa poética. Pero máis aló da roupaxe exterior, coa que eu tamén gocei, o que importa é ver se, como di o título, todo iso ten a graza de nos aproximar ao fogar de Deus, se todo iso nos sitúa cando menos, e non sería pouco, na soleira de Deus. Eu coido que si.
Veña, apertas. Ánimo co do coronavirus. Aquí de momento non chegou. Contade comigo, connosco, con toda esta inmensa multitude, para todo o que vos faga falla. Todas, todos somos un. E sen vós non somos nós. Querémosvos.