SÍNODO é un palabro que vén don grego e logo do latín. Vén a significar xuntanza, asemblea, método e camiño. Na Igrexa aplicouse durante séculos ás asembleas de bispos para decidir sobre temas que afectaban á Igrexa…. O Papa Francisco vén de convocar un sínodo para a sinodalidade. Non é doado de pronunciar, pero se dicimos unha Igrexa sinodal, enténdese mellor. Que quere dicir? Pois unha Igrexa en asemblea, onde todos opinan, aportan e deciden. Vaia, algo así como a democracia a nivel eclesial.

Trátase dunha convocatoria para todos os católicos do mundo. Comezou en Roma o 17 de outubro e todas as dioceses fixeron apertura solemne no domingo seguinte, o día 24. O proceso vai durar ano e medio. Todas as persoas católicas están chamadas a facer aportacións dende grupos, parroquias, comunidades… O Papa convida a un exercicio en tres accións: escoita, diálogo e discernimento. É a primeira vez que un sínodo de bispos conta coa opinión de toda a Igrexa universal. Algunha voz apunta que após do sínodo agarda un novo concilio. D. Julián, arcebispo de Santiago, fixo un chamamento a persoas obreiras, mariñeiras, labregas, ensinantes e mesmo aos que se senten lonxe da Igrexa para que axuden a discernir que Igrexa é necesaria.

Tamén a xente de Irimia e demais crentes galegos somos convidados a facer as nosas aportacións. Que vos parece? É un tempo de soño e de esperanza. Camiñemos logo xunto a Francisco facendo posible unha igrexa de irmáns.