En outubro despedimos na Coruña a irmá Susana, unha monxa das Misioneiras do Corazón de María, que logo de 13 anos vai destinada a unha misión na Arxentina, o seu país de orixe. É unha monxa nova e sempre alegre, cunha capacidade de traballo impresionante. Coordinaba a catequese na parroquia dos Capuchinos, pero o seu traballo principal desenvolveuse nunha fermosa experiencia: a Fundación Fogar Santa Lucía. Trátase dunha casa familiar onde acollen e acompañan a mulleres en situación de exclusión social. A idea partiu dun grupo de freguesas da Parroquia de Santa Lucía, motivadas pola cantidade de mulleres que pedían na porta do templo. Descubriron que moitas durmían nas rúas, outras fuxían de historias terribles de abusos e violencia. Susana, xunto con outras monxas e un equipo de profesionais (traballadora social, educadora e psicóloga), conseguiron recuperar a vida de centos de mulleres e axudalas a se inseriren de novo na sociedade. A revista Vida Nueva dedícalles unha reportaxe ben bonita. Teño a imaxe de Susana, sempre arremangada, coa furgoneta e petando en todas as portas posibles; e se lle quedaba tempo, ata axudaba nalgunha parroquia do rural.
Estas si que son historias da Igrexa de Xesús, das que recenden a Evanxeo. Moita sorte a Susana alén dos mares e que as compañeiras continúen aquí con tanto ben por facer.