O patriarca latino de Terra Santa convocou a unha xornada de oración e xaxún pola paz. Ben sabemos que a Deus non hai que convencelo de nada, que xa nos deu todo o que precisamos e que somos nós os que temos que ir descubrindo as ferramentas necesarias, que xa están en todas as persoas. Con todo, xuntámonos un grupo para facer oración certamente sensibilizados polo conflito e o horror vivido na terra de Xesús. Houbo un momento no que alguén enumerou os conflitos que hai no mundo, segundo informa a Comunidade de San Exidio. Abraiante o silencio ante tantos dramas: Afganistán, violencia difusa en América Central, terrorismo en Burkina Faso, Camerún Occidental, rexión de Kivu no Congo, hostilidades na península coreana, conflito en Etiopía, violencia en Irak, ataques azeríes e armenios, Líbano, Libia, Mali, Birmania…, ataques e violencia no norte de Mozambique, terrorismo en Nixeria, violencia na República Centroafricana, Casamance no Senegal, Siria, Somalia, Sudán do Sur, Ucrania, Yemen e Terra Santa. A lista é do 2022. Esqueceron Haití, onde o país está en mans de bandas armadas. Citaron tamén a violencia provocada polo narcotráfico en México e o clima violento nos EUA.

Hai outra violencia sen armas, a que se lles aplica aos inmigrantes, ás persoas amoreadas en Lampedusa, na illa de Hierro nas Canarias, nos montes de Marrocos, en Lesbos, os Roinhya en Birmania… E non esquezamos a violencia institucional na Cañada Real, en Madrid, onde levan máis de tres anos sen enerxía eléctrica, obrigando ao frío e á escuridade a miles de persoas, entre elas, moitas crianzas. A indiferenza ante a inxustiza convértenos en cómplices!