Contan os papeis que o galego vai esmorecendo. Pode ser. Miro algún xornal que recibe ben de cartos da Xunta por favorecer a lingua e, ás veces, o único texto que atopo en galego é unha esquela, coido que sen subvención.

Con todo, teño que salientar dous feitos positivos no eido da Igrexa. A comezos do verán houbo unha xuntanza de curas galegos no Corpiño. Case 150, acompañados dos 5 bispos de Galicia. Houbo misa e actividades, todas desenvolvidas en galego. Hai que lle dar os parabéns a D. Alfonso, bispo de Lugo, que tivo a iniciativa. A cousa vai continuar o próximo ano.

O segundo foi ao remate do verán. As Xornadas Sacerdotais de Poio, que van pola 40ª edición, reuniron un cento de curas de toda Galicia e coincidiron coa xuntanza de relixiosos. Foi ben bonito ver rezar xuntos a curas, monxas, frades e bispos, todo en galego. Andaba polo medio o irmán Reboiras, que ben merece un quilo de medallas Castelao.

Soubemos que en Galicia hai máis de cen curas chegados de fóra que exercen nas parroquias: venezolanos, colombianos, africanos, polacos, indios… A cousa é que non se encarnan moi ben na cultura e menos no idioma. Aí temos un problema. E non deberían pasar por algún curso de integración e aprendizaxe? Velaí vai!