Que tal, amigo! Xa ves cantas cousas pasaron desde que che escribín a última carta! Morreunos un Papa, o noso benquerido Papa Francisco, e xa temos un Papa novo: León XIV. Do primeiro, de Francisco –o Panchito, que di a canción–, habería moito que contar, pero aí, en Deus, xa o sabedes todo. Xa volo lembrará el tamén; falaravos dos seus fondos desexos neste mundo, que foron callando ao redor nunha simple e ampla solicitude por todo o que era débil, marxinal, periférico –fosen persoas, grupos sociais, países, natureza… Entendía el, e entendía ben –pensamos–, que coidar de toda fraxilidade é o que nos axuda a ser verdadeiramente persoas crentes, o que nos introduce de veras no ser de Deus. Pero tranquilas, xa veredes como, aínda falando de cousas tan serias, de cando en vez riredes con el ás gargalladas. Para el o humor non se levaba mal coa ansia de irmandade; ao revés, era o seu escudeiro indispensable. Felicitádeo. Para boa parte da Igrexa, e aínda máis para a poboación non crente ou non católica, cumpriu con nota o seu servizo de Papa. Celebrádeo con el.
“ten xeitos de tímido, calado, pero resolutivo cando cómpre selo”
E aquí temos entre nós a Robert Prevost Martínez, León XIV. Nado en Chicago (EE. UU.), de familia inmigrante, misioneiro e bispo no Perú, e logo cardeal. Coñecerédelo ben, seguro; ten xeitos de tímido, moi asentado, máis ben calado, pero parece que eficiente, resolutivo cando cómpre selo; con ampla experiencia eclesial, moi amigo do Papa Francisco, co que compartía as liñas básicas do seu servizo papal. O seu tempo de misioneiro no Perú avezouno na atención a xentes e situacións de pobreza. Parece que, ao seu xeito, continuará co estilo do anterior Papa.
Supoño que xa leriades por aí algunhas das súas primeiras comunicacións. A min gustoume moito aquel chamamento seu a unha paz desarmada e desarmante, nas súas primeiras palabras de saúdo e presentación, e tamén o que falou no encontro cos xornalistas acreditados para cubrir o cónclave: “A paz empeza en cada un de nós, na forma en que cada un miramos aos outros, falamos dos outros. O modo no que nos comunicamos ten unha importancia fundamental. Debemos dicir NON á guerra das palabras, das imaxes; debemos rexeitar o paradigma da guerra.” E tamén: “Pido a liberación destes xornalistas (encarcerados por informar sobre a verdade), porque só os pobos informados poden tomar decisións libres.”
Pois xa ves, Antón querido, así andamos por aquí. A ver se entre todos e todas somos quen de ir dando alento a esta Igrexa nosa, para axudar logo a poñer vida en toda a humanidade.
Apertas. Recordos por aí, ao Papa Francisco e a todos e todas.