Deus, Pai e Nai nosa,
compañeiro fiel, luz e alento das nosas vidas,
poñemos ante ti o peso amargo destas horas,
a xente que enferma e morre,
as persoas que traballan arreo en calquera medio
para que esta praga se conteña,
os postos de traballo, os negocios, as empresas que están no aire.
Aínda que consideramos imprescindible sentirte ao noso lado,
non che pedimos ningunha acción milagreira,
porque iso nin che dá gloria a ti, nin a nós nos robustece.
Que a túa sabedoría creadora,
que de sempre nos acompaña aos seres humanos,
guíe os pasos e as decisións de quen nos goberna e de todos nós.
Que o don do amor solidario,
que permanentemente nos ofreces como o gran remedio que embelece e salva o mundo,
atope en nós formas sinxelas, eficaces, responsables,
que alivien as penalidades de quen nos rodea.
Dese xeito poderemos trocar os medos en coidados,
a angustia en esperanza,
e o mal xenio polo confinamento obrigado nun espazo vivo, creativo,
cargado de amor, de humor e de beleza humana.
Que a túa memoria, Deus, Pai e Nai nosa,
sempre tan preocupado polo mellor para a xente,
nos axude a aproveitar os tempos de obrigada soidade e silencio
para repensar as nosas vidas e as trazas do mundo no que vivimos,
e descubrir o valor do máis importante:
a saúde, a relación, o encontro, o vivir colectivamente en todo.
Que estes días cargados de preocupacións diversas
nos fagan especialmente sensibles ás persoas que perderán o traballo
ou verán minguados ou arruinados os seus negocios ou empresas,
coa ameaza de que, unha vez máis, a xente máis débil cargue coa crise.
Que estes tempos nos que estamos tan atentos a este problema que nos acosa
nos permitan recordar
que en países do terceiro ou cuarto mundo
morren millóns de seres humanos cada ano
por non teren auga, pan, unha vacina que custa 1 euro,
e ante todo iso somos indiferentes.
Deus, Pai, Nai nosa,
compañeiro fiel, luz e alento das nosas vidas,
nas túas mans repletas sempre de inmenso amor dispoñible
poñémonos nós e toda a humanidade.
Grazas por estar coidadosamente, creadoramente ao noso lado.