Querido santo Antón:

Que tal che vai? Como nos ves a nós? Ten que ter o seu aquel ollarnos desde o espazo de Deus onde ti habitas. Como regulas a admiración e a indignación ante o que en nós contemplas? Como vives na paz de Deus e camiñas entregado ao noso lado? Espero que nolo vaias contando cando che praza.

Eu hoxe quero comentarche dúas cousas, que seguro que xa ben coñeces. Unha é magoante abondo: a sorprendente morte de Antonia Pinho, Tona, a “monxa radical”, 61 anos, portuguesa, dedicada a levar evanxeo e coidados a anciáns abandonados, drogadictos e xente da rúa, asasinada e violada o domingo 8 de setembro por unhas das persoas que ela atendía. Unha santiña desas da porta do lado. Coñecíala? Verala por aí. Que che fale dos nosos gozos e pesares. Dálle un chucho de parte da familia de IRIMIA.

A outra ten que ver con ese grupo de aquí chamado “Cremos no Rural”. Imos tirando. Celebramos o día do Mundo da Aldea todos os anos aló polo mes de maio. Xa desde agora nos dispoñemos a ir traballando o que alí celebraremos. Este ano ímolo dedicar a todo o que ten que ver co coidado do noso aire, das nosas augas, das nosas terras. Xa che iremos dicindo. Queres arrimar o lombo? Estás invitado. Ti con iso dos animais, do seu coidado e proveito, non andabas lonxe da aldea. E ben que sempre cho tivemos en conta! Contamos contigo. Apertas.