Pouco antes da IV Romaxe no 1981, o arcebispo Suquía convocou a D. Jesús Acuña, cura de Lourizán, ao despacho. D. Jesús foi tranquilo pensando que sería por temas parroquiais. Non ben entrou e Suquía zoupoulle un folleto berrando: “Esto que es?”. Era o folleto coa liturxia da Romaxe no Lago de Castiñeiras. Botoulle unha rifa tremenda. Acuña, que tiña un carácter doente, non apoucou: “Alto aí! Oiga, no me riña que no estoy en el seminario ni usted es mi padre… Sólo tiene que insinuar que me marche y no hay problema…, pero no se le ocurra reñirme”. Suquía, que non agardaba tal reacción, comezou a encoller na cadeora arcebispal: “Bueno, hombre…, no te pongas así…, no es para tanto…”. D. Jesús foi sempre así, con xenio ergueu a voz contra calquera inxustiza e non casaba con ninguén. Recordo un concelleiro do Bloque en Pontevedra que me falou un día sobre Acuña: “Dille que non nos rife tanto!”. Houbo Romaxe, pero sen misa: Chamados na lagoa. Un días, antes baleiraron a lagoa e os irimegos atoparon un estraño burato.

Botou D. Jesús 40 anos na parroquia de Lourizán e nos Praceres, que el chamaba o triángulo das Bermudas: “Todo o que pasa por aí voando cae aquí: a celulosa, a depuradora, o escalextri, o tren…” Implicouse en todas as loitas veciñais e no ano da intifada fixo repicar as campás a alarma gañando unha bronca de Fraga: A culpa é do cura, que tocou as campás como cando os berberiscos arrasaron Cangas. A xente preguntaba que lle pasaba a Fraga cos berberichos. A violencia policial mandou moita xente ao hospital. D. Jesús e os de Praceres non perderon unha Romaxe. Este ano non houbo Romaxe e Jesús Acuña marchou no mes de xullo para esa outra gran Romaxe na casa de Deus. Foi un home de fe fonda, intelixente e tamén enérxico, ás veces difícil, pero sempre bo e xeneroso. Puido facer carreira pero creo que foi feliz coa súa xente de Lourizán. A liturxia do pobo expresouno en aplausos e bágoas no seu enterro, como nunha romaxe. Chamado pola lagoa vai D. Xesús remar noutras augas e desta vez a lagoa ha estar ben chea, bo amigo.