Benqueridas amigos e amigas lectoras de IRIMIA:
Ola, son o Antón, o voso santo Antón. Xa me tardaba retomar a conversa convosco a través da correspondencia que estou mantendo co Regal. Desde o alén, seguimos con detemento e vagar os pasos da historia e das persoas que traballades por humanizala día a día. Soñar con humanizar o mundo é a nosa tarefa, gozo e divertimento maior. E o de mamá Deus, na que somos e vivimos, tamén. Sen que vos deades de conta, ou dándovos, as nosas ansias e alentos aniñan en vós.
Grazas pola festa da Romaxe, que, como nos suxeriu a vosa Lucía, tamén no ceo a celebramos a través da gran rede de comunicación que é o Espírito. Aínda que alguén rosmaba algo polo baixo, gustáronnos moito as testemuñas que se deron con chamadas fortes á xustiza entre vós, nos vosos pobos e cidades; e iso incluído dunha maneira sinxela e simple na memoria eucarística de Xesús. Poida ser que non me virades, pero eu, e moitos máis dos de aquí comigo, por non dicir tod@s, estabamos alí compartindo o voso encontro, a vosa ledicia, a vosa palabra e a de Deus nela, o voso canto, o voso pan, o voso viño, os vosos soños, a vosa esperanza. Adiante! Contade sempre connosco!
Polo demais, andamos moi apesarados polo acontecido en Afganistán. Non sabemos que facer. É todo un símbolo e exemplo de como anda ese querido mundo no que vivides, no que vivimos: das aberracións duns e doutros, dos talibáns relixiosos e dos talibáns do poder. Canta necesidade de recomposición, de revolta, de cambio! De redención, diciamos nos meus tempos.
Non desesperedes. Ben sabedes que lonxe das aparencias, ignoradas polas crónicas, hai moitas presas do lévedo da solidariedade facendo que o mundo fermente.
Ánimo. Apertas. Sempre ao voso carón.