Benquerido santo Antón:
Grazas pola túa última cartiña, que nos gustou moito. Invitábasnos a que nos deixásemos de mexericadas e que, coma mulleres e homes que somos, e por riba crentes, nos puxésemos a desenvolver as capacidades e enerxías que temos para cambiar a cara do mundo. Vale, penso que che imos aceptar o compromiso. Grazas de novo.
Pero tamén che quería dicir que moito diso que ti nos pides, xa o podes ver entre nós. Bótalle unha ollada, por exemplo, á última IRIMIA (chégavos aí, non?), núm. 1046, nas páxinas 14-15, e verás unha rengue preciosa de persoas e organizacións que poñen o mellor de si: conciencia, intelixencia, acción, paixón, organización, con fe relixiosa ou sen ela, para alterar esa cara amarga dos nosos pobos, que outra xente se empeña en alongar. E non me dirás que na mesma IRIMIA non se recollen constantemente as palabras e os feitos de moitas testemuñas deste mañá novo que aquí e aí soñamos!
E, se mo permites, unhas palabriñas nada máis –moitas merecerían!– sobre o traballo, a loita que as mulleres, moitas, moitas mulleres polo mundo adiante están levando a cabo para poderen vivir e convivir en todo, simplemente coa mesma dignidade e oportunidades ca os homes. Igual che parece unha parvada que aínda andemos debatendo iso, pero non o é. Non o é no mundo en xeral, pois aínda hai países de todas as cores nos que as mulleres son tratadas en moitas cousas coma menores de idade. E non o é tampouco na mesma Igrexa, esa Igrexa da que o papa Paulo VI dicía que era –ou debería de ser– experta en humanidade. E serao, non digo que non, nalgúns ou en moitos casos, pero certamente non o é no de ter as mulleres como dignas, iguais, á hora de poderen asumir todo tipo de responsabilidades e de representatividade relixiosa, cultural. Xa me entendes.
Vale, pois déixote por hoxe. Por aquí estámonos dispoñendo para celebrar a Semana Santa. Ben ves o moito rebumbio que montamos para facelo. Que ben se irmos tras de imaxes feitas de madeira ou xeso nos animase a seguir, ata a adoración e o servizo, a esoutras imaxes vivas que tan ben representan a dor e a esperanza do mesmo Xesús!
Feliz Pascua! Chuchos e apertas, amigo, da tribo irimega. Abur.