Un cento de curas de toda Galicia xuntáronse no mosteiro de Poio na segunda semana de setembro nas XXXI Xornadas Sacerdotais. Son uns días de reflexión, oración e convivencia moi interesantes; ademais, é unha experiencia única en España. Xunto cos curas estiveron os bispos das cinco dioceses.

As xornadas, organizadas polas Delegacións do Clero, estiveron centradas no Sínodo convocado polo papa Francisco hai uns anos: “Por unha Igrexa máis sinodal cara á esperanza” rezaba a convocatoria.

A Igrexa precisa actualizar a linguaxe

Mons. Luis Marín, subsecretario do Sínodo da Sinodalidade, chegou desde Roma para desenvolver varias ponencias. Foi todo un luxo contar co coordinador xeral do proceso sinodal. Trátase dun arcebispo e frade agostiño, compañeiro e irmán do papa León. Contou moitas anécdotas e expuxo as liñas fundamentais do Documento sinodal. Precisou que a Igrexa precisa actualizar a linguaxe e as formas e deixar atrás expresións como toma de posesión, elevado á dignidade sacerdotal ou episcopal…

O bispo de Segovia, Jesús Vidal, explicou o método de oración e discernimento empregado nas sesións sinodais: a Conversa no Espírito. Trátase de escoitar en grupos pequenos as suxestións do Espírito a través de cada participante. Houbo tamén unha sesión práctica deste método.

Unha intervención xenial e chea de bo humor foi a do cura de Santo Andrés de Teixido, Antonio Rúa, que gañou o corazón de todos os presentes falando da relixiosidade popular. Eva Fernández, galega e presidenta da Acción Católica, foi unha das tres mulleres españolas que participou no Sínodo e compartiu a súa experiencia. O arcebispo de Santiago, Francisco Prieto, pechou as xornadas presentando as liñas de preparación de cara ao Ano Xacobeo de 2027.

Felicitemos estes curas que, ano tras ano, buscan camiños para achegar a fe nunha cultura e nunha lingua de seu.