Ola, amigas e amigos de IRIMIA:

Polo que me di o amigo Regal vexo que andades algo revoltos por fóra, porque vos conmove o da guerra e as súas consecuencias, e por dentro, porque vos vexo abondo desarmados (desalmados tamén?) para lle buscar unha saída desde a solidariedade a todo o que estivestes armando. A ver, logo, se polo menos vos vale para aprender algo.

Dime tamén o Regal que a ver se vos botamos unha man. Non é doado. A min sáeme pedirvos que vos lembredes daquela resposta que o pai Abraham lle dá ao rico aquel, tan amigo de cheas e insolidario, cando este lle solicita que alguén do máis aló faga un viaxiño para se ver coa xente do máis acó, para lles abrandar algo o corazón: “Se a Moisés e máis aos profetas non lles fan caso, tampouco llo farán nin a un morto resucitado” (Lc 16, 31). Que é coma dicir que saber sabedes de sobra o que cómpre facer para vivir con aires irmandiños; pois facédeo con decisión e deixádevos agora de mexericadas.

E non é que nos dea igual o que vos pase por aí, non, pero as cousas son como son. Parade, matinade, armádevos de intelixencia e corazón, que para algo o tedes, aprendede a vos ver e tratar en todo coma irmás e irmáns, e xa veredes como as cousas cambian.

Desde Caín ata hoxe iso de vivir coma irmás e irmáns sufriu violencia. Para fortalecervos ante iso recoméndovos ollarvos no rostro e na vida de Carlos de Foucauld, que xustamente hoxe, 15 de maio, cando me poño a mandarvos esta cartiña, vexo que foi declarado santo, persoa de moito ben, polo voso Papa Francisco, que tamén vos ten dito e escrito cousas moi xeitosas sobre iso de vivir en modo irmandiño. Palabras e testemuñas non vos faltan. Adiante!

E ata a próxima, xentiña. Apertas para toda a familia humana.

O voso santo Antón.