Benquerido Santo Antón:
Canto tempo xa sen nos falar nin escribir, santiño amigo! Que tal vos van as cousas por aí? Supoñemos que entre vós, no fogar da paz e da dita, no fogar de Deus, todo será calma e sosego, aínda que, sendo como sodes homes e mulleres de procedencia humana, os vosos enfrontamentos e teimosías teredes, por máis que o fagades dunha maneira aquelada.
Por aquí, ben o sabes, gustamos moito do careo, da confrontación, mesmo da violencia e da guerra. Unha verdadeira mágoa! Coñecéndonos como nos coñecemos, ben debiamos comprender que nos pagaría moito a pena optar pola xustiza, a paz, o diálogo, o entendemento. Non habería problema que non se puidese resolver, abofé! Pero non sei por que carafio preferimos o contrario. Réinanos a paz, pero tamén nos reina o conflito. Réinanos a irmandade, pero tamén nos reina o poder, a imposición. Réinanos a participación solidaria ante a miseria e a devastación humana, pero tamén nos reina quedar no seo da manta. Quen nos fará de vez xente de humanidade?
E así nos está indo, santiño querido. Case todo o mundo o está pasando mal. Agás a xente de carto que mesmo deitan de canto nos pasa. Pensa, senón, nas grandes empresas de armamento (americanas, alemás, francesas…, mesmo españolas), que engordan con cada bala ou mísil que estoupa, aínda que rebente a vida de miles de persoas. Un absurdo total! Así nos vai, e moitos dos nosos políticos, xa ves, dando puñazos ao vento, no canto de xuntaren as mans, os corazóns e as ideas na procura do pan e da paz. Deus nos dea políticos/as sans e correctas!
E que facedes, logo, a xente crente, a xente cristiá?, preguntarasnos ti. Pois xa ves. Hai de todo, hai quen se encerella en banalidades ou nos debates estériles –que non son nada inocentes– e quen pon todo o seu corazón en aplicar a táctica de Xesús, o noso irmán maior: abrir o corazón a Deus, arrimarse á xente ferida e no nome dela clamar pola xustiza.
O inverno vai ser de friaxe e desolación para moita xente, disque. Ai, se fósemos xente de calor e consolación!
Saúdos a tanta xentiña amiga que anda por aí.