Lonxe da turistificación salvaxe que invade Compostela e as Rías Baixas, cómpre retirarse cara ao interior e perderse por comarcas ben fermosas como a Terra Chá e a Ulloa. E así chegamos a Vilar de Donas, ou as Donas do Vilar, que dicía Cunqueiro. A experiencia de ser os únicos dentro do templo, sen voces nin celulares sacando fotos e deixando que os frescos das paredes conten as súas historias, é grandiosa. O silencio do románico asemella o silencio deste rural baleiro.
Vilar de Donas exerce como parroquia. Unha parroquia con moi poucos mozos e case sen nenos. Un aviso nun letreiro recorda que hai misa os primeiros venres de mes, ás once. Sentado, tento imaxinar a escena corenta anos antes: é domingo e repenican as campás, e chega a xente camiñando e xúntanse no adro e fala e conta, e hai risos e alegrías mentres os pequenos xogan arredor. Agora só vimos aos enterros – cóntame un veciño-, o crego non vive entre nós.
O Sínodo da Amazonía que se vai desenvolver en Roma está a levantar moita expectativa e moita polémica. Fálase de ordenar curas a persoas nativas, para exerceren nas comunidades onde non chegan os curas. Dicía un cardeal hai uns días que o que fai que haxa Igrexa é a eucaristía e non se pode negar a tanta xente só porque non haxa curas.
Algunhas suxestións para o Sínodo apuntan a novos ministerios para homes e mulleres para achegar a eucaristía a lugares afastados, onde agora celebran misa cando aparece un cura, unha vez ao mes ou ao ano…
Na Galiza xa hai anos que moitas parroquias pecharon as portas no domingo, e mesmo todo o ano, agás para as festas e os enterros. Coñezo un home casado que cada domingo percorre varias igrexas rurais levando a Palabra de Deus e a Comuñón. A xente está contenta e agradecida. Pero este home non pode casar, nin dicir misa, nin bautizar…, pois ten muller e fillos e quéreos moito.
E valerá o Sínodo da Amazonía para lugares afastados como hai na Galiza?