Manolo Peleteiro: Anxo de Luz
Benquerido Regal e xente amiga de Irimia:
Mira que eu, o Santo Antón, son home tranquilo; fíxome así a miña condición de monxe, solitario e acompañado, e fíxome aínda máis tranquilo este espazo divino no que a diario me movo. Pero, mira, rabeaba porque chegase o día de poñer unhas letriñas para a revista, porque me ardía o corazón por vos agradecer a ese home de ben que hai uns meses nos mandastes desde Viñoás, en Nogueira de Ramuín, Ourense.
Os irmáns Bieto e Manolo Peleteiro, cregos e galegos exercentes, xunto con Alicia López Pardo. Ao fondo, escrito con flores, o nome de Carlos Peleteiro.
A súa presenza nas aldeas mobilizounas e enriqueceunas co gusto pola irmandade, coa alegría e coa promoción. Matinaban no que vían e vivían, e por iso, durante anos, colaboraron na publicación da revista Que quede quen o conte, na que diso escribían. Tamén, sobre todo Manolo, participaron no Movemento Rural Cristián de Galicia, que buscaba vivir a fe desde a nosa condición de xente de aldea.
Como lle pasara ao mesmo Xesús de Nazaret, tamén Manolo e os seus irmáns tiveron seguidores, mesmo admiradores —nunca tal cousa buscaban—, pero tamén xente que os aborrecía, igual porque poñían ao descuberto as súas andrómenas. Ofreceron os seus servizos a varias dioceses galegas, pero non os quixeron. Por uns anos, Manolo e Bieito estiveron no convento dos Paúles de Vilafranca do Bierzo. Morreu Xosé Carlos e, co tempo, Bieito e Manolo volveron á casa paterna. Alí foron agarimosamente atendidos pola súa irmá Consuelo, monxa da Caridade, ata o momento da súa morte: primeiro Bieito e agora Manolo.
Cada un dos irmáns tiña a súa graza especial, iso nos dixo o Manolo. Dos seus méritos non nos quixo falar nada. Pero aquí estámolo descubrindo como un home sinxelo, nada malicioso, humildísimo, amigo de todo o mundo, alegre, doído polos abusos que por aí se lle fan á xente máis necesitada; queda pampo co Deus que aquí se lle ofrece como berce desta nova existencia súa e, iso si, non deixa de pensar en Galicia, non deixa de nos falar dela, en galego, claro. Mesmo, ao pouco de chegar, pidiunos ter unha foliada ao mes, na que toca unha preciosa gaita que de aí trouxo. Onde anda o Manolo sempre hai alegría.
Graciñas, logo, polo Manolo Peleteiro. Moita xente boa hai no mundo. Agradecédea. Coidádea. Imitádea. Graciñas.