A historia de Simone Weil dá para un filme. Morreu moi nova, con 34 anos, pero cunha vida intensa como poucas. Fixo de todo: profesora de ensino medio aos 22 anos, sindicalista, pacifista, feminista, escritora, xornalista, mística… Acolleu na súa casa en París a Trotski, fuxido de Rusia, e discrepou con el no emprego da violencia. Participou na Guerra Civil española defendendo a República e formou parte da Resistencia francesa fronte aos nazis.
Pero hai unha historia coa que me quedo. Durante un ano deixou o ensino e empregouse como obreira nunha fábrica de automóbiles. Quería saber como vivían os obreiros e sufriu a explotación capitalista. Trotski non pisou unha fábrica na súa vida.
De orixe xudía, achegouse ao catolicismo sen recoñecer a Igrexa institucional. Foi testemuña adiantada da opción polos pobres e do compromiso pola non violencia. Algúns dos seus textos deberían lerse na liturxia das horas.