Mans Unidas celebra a 63 Campaña contra a fame: “ A nosa indiferenza condénaos ao esquecemento”. Recórdame este lema ao pensamento que expresou Desmond Tutu, arcebispo sudafricano, símbolo da loita contra o apartheid e premio nobel da paz, que faleceu no pasado nadal: “Se nunha situación de inxustiza es neutral, daquela escolliches o lugar do opresor”. Mans Unidas ven de ser criticada por sectores da ultradereita chamada católica por non anunciar explicitamente o cristianismo. E haberá algo mais relixioso que quitar a fame do mundo? Amarás ao próximo como a ti mesmo.

Teño a sorte de participar nun encontro con voluntariado de Mans Unidas. Preséntanse como misioneiros laicos e son algunhas mulleres e matrimonios que marcharon lonxe a traballar en lugares ben duros como prisións en Honduras, Perú, Bolivia, levando asistencia sanitaria a poboación da selva, animando comunidades cristiáns facendo de catequistas e encargándose do culto dominical e outras celebracións. Botaron anos aló, algunhas máis de oito.

Chámame a atención o de misioneiros laicos. Un cura, unha monxa ou frade que van a misión son misioneiros. A cousa dá que pensar e apunta de novo á sinodalidade da Igrexa.

Por riba contan, que cando volven as súas casas, practicamente son ignorados polos responsables relixiosos, mesmo teñen problemas económicos. Una muller que durante anos celebrou a liturxia dominical en varias comunidades narra como na súa parroquia galega se algún domingo non hai quen lea a lectura, ofrécenllo a ela.

De novo o clericalismo aparece como o gran freo para unha igrexa asemblearia e en camiño. Pois eu gusto máis desta igrexa misioneira aínda por máis que sexa laica ou leiga. Parabéns misioneiras!!!