Queridas amigas e amigos de Irimia:

Tardábame que vos dirixísedes directamente a min como persoa ben interesada no que diariamente vos acontece. Abofé que tamén eu leo a prensa do corazón de Deus, e nesa prensa fálase de vós adoito con emoción e esperanza. Por suposto, aquí tamén se recibe e le Irimia.

Eu, home de terra e augas, home de fraternas comunidades rurais, gocei moito co sínodo ese que se levou a cabo en terras da Amazonía. Soubestes del? Estiven presente daquela maneira. Emocioneime cando vía a humilde e valente defensa que aquela xente autóctona facía da súa vida, da súa terra, do seu traballo, do seu futuro. Marabilloume que fose unha iniciativa de xente seguidora de Xesús a que puxo a andar todo aquilo. Xesús mesmo andaba por alí alentando a uns e outras. Amargábame, en cambio, ver as mil trapalladas legais e ilegais que fai a xente do poder, natural e estranxeira, para apoderarse de todo e sacrificalo aos seus intereses económicos.

Tamén me gustaron os cambios anunciados cara ao interior da Igrexa, pero, aínda que vos oín falar moito deles, por aquí non nos parecen o máis importante. O pan e o futuro da xente pequena si que o é.

Canto vos faría falla un Sínodo así para Galicia! Para aprenderdes a respectar a natureza, a vida, a cultura, a fala, as tradicións, para pararlles os pés a cantos queren lixar e espoliar o voso chan, as vosas augas, os vosos aires. Canto sería así, Deus bendito! Contade comigo.

Espero a vosa con impaciencia. Chuchos e apertas. Santo Antón.