Hai un ano que comezou unha fermosa iniciativa promovida polo colectivo ALENTO EXBRAVEXO para celebrar o centenario do nacemento do grande Isaac Díaz Pardo. Abriron unha páxina en Internet, na que se convidaba a aportar recordos, experiencias, creacións artísticas dedicadas a Isaac e á súa obra de amor por Galicia. Centos de persoas, unhas coñecidas e outras menos, fixeron posible esta homenaxe afastada de marcos fachendosos e institucionais, como seguramente lle había gustar ao noso amigo. Foi un compendio de amor e enxeño por parte de moitos, entre eles algunha xente irimega.
ALENTO EXBRAVEXO está coordinado por xente ben querida: Pilar Sampedro, David Otero, Maka Arca, Ana Iglesias, os irmás Héitor e Martiño Picallo, Eva Liñeira… Podedes pór en Internet “unha manda de pezas para Isaac” e xa atopades o inmeso traballo realizado e, como se fose unha meditación, ler cada día un texto ou colaborar con algunha aportación.
Isaac Díaz Pardo é todo un referente e un modelo de amor pola terra. Gran pintor e retratista, puido facerse millonario en Madrid retratando as familias da nobreza e do réxime. Pero tirou con aqueles pinceis e recolleu o cartaz inmorredoiro do pai, Camilo Díaz, para se consagrar a Galicia e as súas xentes. Todos sabemos o que veu logo xunto a Luis Seoane e tanta outra xente, e así Sargadelos converteuse en icona dun soño de patria liberada. Infelizmente, os últimos anos de D. Isaac foron ben duros, vendo como o capital traizoaba os soños. O Museo Carlos Maside, no Castro (Sada) esmorece no esquecemento, cando foi creado precisamente para recuperar a memoria do pobo galego.
Temos todas unha débeda con Díaz Pardo: manter vivo o seu esforzo, a súa consagración case relixiosa con Galiza. Manda en galego pode significar testamento, pero tamén un feixe de flores ou de peixe collido coas mans e entregado con cariño a outra persoa. Vaian moitas mandas para Isaac!