Hai no Monte das Oliveiras en Xerusalén unha igrexa chamada do Paternoster. Segundo a tradición foi o lugar no que Xesús nazareno ensinou aos discípulos a rezar chamándolle a Deus abbá, e dicir noso pai. No templo hai un gran mosaico onde aparece a oración do Nosopai en linguas de todo o mundo, tamén en galego.

O día da Madalena deixounos de forma repentina o cura e grande amigo Vicente Cerdeiriña. Non formou parte do planeta Irimia, pero foi sempre un loitador incansable da nosa lingua. En 40 anos de servizo pastoral no Divino Salvador de Poio e noutras parroquias de Pontevedra fixo máis polo galego que moitos plans de normalización. Dirixiu unha folla parroquial(Tambo) que agrupaba unhas 15 parroquias no entorno da Ría, sempre en galego. Cada mes editaba e enviaba por correo postal a máis de cen amigos ás publicacións da Parroquia: A folla parroquial, resumes e explicacións de doutrina, reflexións, oracións…todo en galego.

Vicente foi amigo íntimo de Moncho Valcarce, o cura das Encrobas. Aínda que non compartía o compromiso político de Moncho, apoiouno sempre, coidou del mesmo cando estivo baixo arresto no Mosteiro de Poio e converteuse no seu testamenteiro espiritual. Grazas a Vicente publicáronse escritos de Valcarce como o diario que publicou Encrucillada: “Revolucionario e Místico”. Vicente púxolle os santos óleos a Moncho que quería facer festa tralo ritual, pero o amigo marchou chorando e non foi quen de asistir ao enterro días despois. De cando en vez, e coma un agasallo, chegaban a casa por correo textos de Moncho: homilías, oracións, reflexións enviadas por Vicente.

Poucos días antes da morte de Vicente encontrámonos en Poio. Rimos da súa inadaptación as tecnoloxías, non era capaz de entender o teléfono celular. Andaba tocado. Logo de moitos anos fallou o transplante de ril e houbo que volver a diálise tres veces por semana, cousa que o deixaba mallado. Con todo non deixou de atender as parroquias nin de acudir onde precisaran del.

Vicente peregrinou a Xerusalén hai moitos anos e contemplou o mosaico do Nosopai en tantas linguas, entre elas o vasco e o catalán, pero descubriu que faltaba o galego. Se hoxe se pode rezar o Nosopai en galego en Xerusalén foi empeño de Vicente Cerdeiriña. Coido que tamén ha estar agora en galego nas portas do Ceo.

©Foto: © Arzobispado de Santiago de Compostela