Ben o sabedes, pero por se hai algún despistado, preséntome: son o santo Antón e vivo niso que vós chamades o alén. Desde hai un pouquiño tempo cartéome convosco porque así mo solicitou o voso Manolo Regal. Fágoo con gusto.
A última carta que vos mandei foi de polos días do Nadal. E vaia a que armastes desde aqueles días! Nos meus paseos matinais –son moi mañanceiro–, ollando para Galicia, sorprendeume que todo estivese triste e parado, agás ao redor das vosas residencias sanitarias e mais das da terceira idade. Deseguida se espallou por aquí a nova do COVID-19, das infeccións, das mortes, dos velliños e velliñas que morrían a centos, a miles. Puiden conversar aquí, no alén, con algúns deles, que pouco máis sabían ca que morreran. Gústalles falar, sobre todo, dos familiares que non puideron despedir.
Aquí andamos preocupados por vós. Parécenos que o voso estilo de vida, de traballo, de producir, de consumir, de pasar o tempo, de administrar os recursos ten moito que ver co que vos pasa: unha infección tan rápida e xeneralizada, tanta dor e morte, tanto problema económico que afectará coma sempre, seguro, á xente que ten menos recursos, tanta liorta entre a xente que debería estar fortemente unida para amparar a sorte de todos. Oxalá atopedes as maneiras de lle dar cara á cousa. Desde aquí entendemos que non hai outra senón querervos moito, sen exclusión ningunha, e desde aí estar dispostos a soñar en compartir máis canto máis un teña. É soñar, verdade? Pero tedes que soñar, senón non hai Deus que vos salve! E soñar con soños amorosos, deses que levan a investir no común tempos, esforzos, loitas e tamén gozos e festexos.
É unha hora grande a que estades a vivir. Podería ser tamén unha hora de firmes cambios de ritmo. O voso sistema non os vai promover porque sempre é avarento. Pero vós podedes facelo. Non deixedes de ler a cartiña que o papa Francisco o día da Pascua lles mandou aos irmáns e irmás das comunidades populares, entre as que eu vos conto.
Apertas. Todo o noso alento. Recordos de Carvalho Calero, sempre cos seus versos místicos na man; agora entende. Non para de falar en galego; aquí todos entendemos todo, pero cadaquén fala como lle prace.
De corazón. O voso santo Antón.