Desaparece a Igrexa? Segundo un artigo de El País de hai uns días, as mulleres están abandonando os templos: primeiro foron as netas, logo as nais e agora tamén as avoas. Dá que pensar. Os que estamos por diante do altar comprobámolo cada domingo, e cada festivo aínda máis! Desapareceron as civilizacións exipcia, maia, romana… e desaparecerá tamén a cristiá? Estamos ante a eclipse da grande esperanza? E todo, a unha velocidade arrepiante, sen espazo para a reacción. O amigo D. Jesús, cura dos Praceres, en Pontevedra, sentenciouno hai anos: “Somos enterradores”-falando dos cregos. O único espazo que resiste: os enterros. Mentres non se invente outra historia civil que substituía o relixioso, cousa que vai acontecendo de man das modernas funerarias e a colaboración dalgúns clérigos cobizosos.
Estamos ante a eclipse da grande esperanza?
Pois ben, quizais sexa positivo e vexamos a bispos que se reúnen cada semana cos curas e leigos dun arciprestado, sen cerimoniais. Que quedan a durmir na casa do párroco como facía Frei Xosé de Lugo, que mesmo collía o Freire (autobús) para visitar as parroquias e fregaba os pratos na reitoral.
Hai unha nova relixión: o Hiperconsumo. As catedrais, os templos, son os centros comerciais. Se os seguidores de Xesús andamos na mesma carreira do consumo, do benestar… Como ser alternativa?
O amigo Víctor Naveira impulsa unha esperanza na Raíña. Sen clero, sen pompas. Non é acaso o renacer das fraternidades monásticas e alternativas? Podemos vivir sen posuír, sen dominar, sen mandar, sen nos colgar insignias, uniformes?
Recomendo a lectura dun breve ensaio do monxe de Monserrat, Lluis Duch: El exilio de Dios (Fragmenta ed.) Habemos abrir os ollos! Como oración e proxecto propoño estes versos de Pere Casaldáliga, bispo na Amazonia:
- Non ter nada.
Non levar nada.
Non poder nada.
Non pedir nada.
E, de pasada,
non matar nada;
non calar nada!!!