Benqueridas amigas e amigos:

Como vos vai, como estades de ánimos cara ao Nadal e cara ao ano novo? Desde aquí, desde o seo de Deus, desde o mundo de Deus, aínda que vos pareza que non, seguimos paso a paso as vosas andainas, neste momento abondo dolorosas, aínda que, polo que se ve, non carentes de boas cousas de esperanza e de xente que lles dá vida. Ánimo, non perdades a fe, soñade co de mañá, co de pasado mañá e, sobre todo, non vos consideredes o embigo do mundo, nin para o ben nin para o mal. Ben sabedes que hai países –Iemen, por exemplo, ou Haití–, dos que, por certo, non se vos oe falar nada, que están infinitamente peor ca vós. Sería moi doado poñer remedio á súa situación, pero para iso ninguén se mobiliza, ninguén mobiliza algúns cartos –chegaría a milésima parte do que estades investindo na vacina do COVID-19. Canto ao caso veu a carta esa do voso Papa chamándovos ao exercicio da irmandade sen fronteiras de ningunha clase! Supoño que vos estaredes deixando conmover por ela. Oxalá!

E unha cousa. Por aquí gustounos moito esa iniciativa vosa, da xente de IRIMIA, de darlle unhas boas voltas á maneira que estades tendo de entender a Deus e o de Deus, á maneira de dicir cousas del e, sobre todo, á maneira de vivilo como persoas e como comunidade; á maneira, logo, de seguir crendo, vivindo e celebrando a fe no voso ámbito. Ánimo! Estoutro día xuntámonos un grupiño dos máis vellos e dos máis novos de aquí e comentamos o caso. Alguén sacou o escrito dese tal Alfonso Mascuñana. De primeiras parecía un pouco forte e radical, como se nos quixese borrar do mapa, pero deseguida houbo quen afirmou que lle había que dar tempo ao tempo; que era certo que a moita, moita xente dese voso mundo a actual maneira de presentar o de Deus se lle volve insignificante. É dicir, que non lle di nada. Que as sensibilidades cambian, que as culturas cambian e que unha fe expresada no marco dunha cultura grecorromana non pode dicir moito a quen está noutra onda. Todo é revisable agás o amor, e aínda o amor, por ser tal, merece o seu tempo. Quedamos en seguirvos os pasos, en acompañarvos no que poidamos, no Espírito, en garantirvos o noso afecto e solidariedade.

Feliz 2021, irmás, irmáns. Facédeo fermoso. Máis do que está sendo. Contade connosco.