Boto unha ollada a algunha das páxinas webs de distintas dioceses por ver coma vai iso do Sínodo. Logo de moito mirar caio na conta dun detalle: as fotografías. Ben sabemos aquilo de que unha imaxe vale máis que mil palabras…nestas páxinas diocesanas máis do 90% das fotografías pertencen a cregos: sotanas, alzacuellos, faxines, mitras e demáis capisallos…apenas aparecen fotografías de leigos. Da a impresión de que iso é a Igrexa. Entendo que non é un traballo doado o da comunicación nas redes, e admiro o esforzo de quen se pon ao fronte. Penso que a causa non é un fervoroso clericalismo dos redactores. Preocúpame máis que responda a unha realidade, que esa sexa a realidade da nosa Igrexa. Confronto con páxinas de países onde o clero é minoría. Cambia o conto: equipos de catequistas, voluntarios, asembleas, axentes de pastoral, accións sociais. Contadas veces aparece un cura, un frade, unha monxa, voceiros leigos que falan no nome da comunidade nos medios de comunicación…
Pode parecer que non ten importancia. Ten moita! Se imos cara unha igrexa sinodal haberá que comezar demostrando que cremos nela e que na foto aparezan os que tamén son igrexa, anque vistan de paisano. Unha imaxe vale máis que mil sermones.