Hai unhas semanas cumpriu 80 anos o noso teólogo e amigo Andrés Torres Queiruga. Ben sabedes que é membro da Academia Galega, profesor da Universidade, e toda unha autoridade teolóxica a nivel mundial, se ben pouco valorado na propia casa polas directivas clericais da igrexa, non así por moita xente que o segue e estuda a súa obra.

Pero hoxe quero falar do Andrés irimego, amigo e compañeiro. Confesei máis dunha vez que se hoxe son crente é grazas ao encontro con Torres Queiruga, cando eu era mozo e andaba a pescudar en filosofías materialistas e desconfiaba da tradición eclesiástica. Atopei unha linguaxe nova, unha nova comprensión de Deus que non era máxica nin mercantil. Houbo que demoler e reedificar a casa, foi duro pero pagou a pena. Sei que anda agora traballando intensamente nun novo libro que vai dar que falar. E aí tedes a Andrés, un home sabio e porque é sabio é tamén libre e non se agacha ante censuras e ameazas nin a manobras dalgúns que o trataron de amigo. É tamén persoa austera, no vestir, no comer e no vivir… e penso que por isto xenerosa, pois como dicía aquel: quen nada ten dáo todo. Por ser libre é tamén honesto no seu pensamento e no seu traballo. Non ten dobreces nin busca reverencias, e sabe ben de silencios e desprezos. Sei que algún día, agardo que tarde moito, habemos celebrar o día das Letras Galegas na honra de Queiruga e non sei que cara han poñer os que agora o ignoran e rexeitan. Tanto ten.

É Andrés un home de oración fonda, e mesmo cura piadoso cando celebra a misa. Ten experiencia de Deus Nai e Pai. Por iso sofre cando se pechan portas que poden achegar á xente a experiencia relixiosa e espiritual, cando seguimos con linguaxes medievais que ninguén entende, cando nos afirmamos nunha igrexa clerical, piramidal, onde non hai espazo para a asemblea, iso que agora chaman sinodilade.

Sei que para el a mellor homenaxe é o traballo, o estudo rigoroso e o compromiso cristián encarnado aquí na nosa terra, a Galicia pola que renunciou a un prestixio máis que seguro e tendo que bater coa mediocridade de tanto cranio privilexiado. Pero dende esta xanela de Irimia facémoslle chegar o noso recoñecemento e gratitude, por 80 anos de fe e galeguidade, de servizo e entrega.

Parabéns, Mestre e que a Saudade do mar de Aguiño sexa ventura no atardecer.