Aí vén o Sínodo. O Sínodo da Sinodalidade. Un sínodo vén a ser algo parecido ao que hoxe chamamos unha asemblea. Tradicionalmente un sínodo era unha reunión de bispos para abordar algunha cuestión importante na vida da Igrexa, na que debatían, opinaban e, ao final, o papa publicaba un documento recollendo aportacións e indicando camiños. Sínodos recentes foron os da Amazonía, da familia, da evanxelización, da mocidade… Tamén hai sínodos nas dioceses e mesmo en países, como acontece agora mesmo en Alemaña.

O Sínodo da Sinodalidade é todo un proxecto do papa Francisco en transformar unha igrexa clerical nunha asemblea de irmáns, todos iguais. Non vai ser doado; por iso o proceso vai durar dous anos, máis os dous de preparación e participación por dioceses e países que rematou hai pouco. A novidade foi a consulta mundial na que puido participar calquera, mesmo persoas afastadas ou non crentes. Tratábase de escoitar. Logo desta consulta, redactouse un documento de traballo, Instrumentum laboris, onde se recollen suxestións de todo o mundo e se formulan preguntas para buscar novos camiños. Outra das novidades deste Sínodo é que por vez primeira van participar persoas que non son bispos, incluídas as mulleres, e con dereito a voto. O documento de traballo artículase en tres cuestións: comuñón, misión e participación. Como acoller a todos en fidelidade ao Evanxeo? Como artellar a corresponsabilidade de todos os bautizados? Que novas estruturas de goberno son necesarias e quen debe participar nesas estruturas?

O documento recolle vellas aspiracións de boa parte dos crentes: a ordenación de homes casados, o diaconado feminino, a acollida as persoas LGTB, a comuñón de persoas divorciadas e con nova familia… Son retos que formula unha sociedade que avanza por vieiros de igualdade e novas formas de convivencia. Hai sectores moi contrarios ao Sínodo de Francisco, sobre todo no clero, que ven perigar privilexios e poderes. A cousa promete. En outubro comeza toda unha aventura do espírito.