Na festa de Santo Antonio o cura dixo na misa que o santo era doutor da Igrexa. Escoitei logo unhas veciñas falar sobre cal sería a súa especialidade e, tirando das milagres, apostaban por traumatólogo, cirurxián, internista… Acordei de Wittgenstein, un afamado filósofo austríaco que lle deu moitas voltas ao asunto da linguaxe. Pensaba que a linguaxe ás veces era coma unha cárcere da que non se podía escapar por non sermos capaces de encontrarmos palabras que realmente expresen o que sentimos ou coas que os outros entendan o que queremos expresar. E así funlle dando voltas a algunhas expresións que usamos na Igrexa e que teñen dispar comprensión para a maioría da xente. Comezando pola propia palabra “Igrexa”, sexa universal, local, particular… a maior parte das veces enténdese que a Igrexa é o Vaticano, os bispos, os curas, as monxas… é dicir, o clero. Tamén pode ser o edificio, o templo. Cando se fala dos Santos Pais, moi poucos pensan nos primeiros teólogos do cristianismo… quizais crean que se trate duns santos padres capuchinos.

O mesmo pasa coa palabra “relixiosos” ou “vida relixiosa”, que tan alegremente usamos para falar dos frades e monxas: relixiosos son aqueles que son moi relixiosos e van á misa cada día ou teñen moita devoción. Non vos quero contar se falamos de sínodo, sinodalidade, indulxencias, xubileo, presbiterio… Oín que o papa Francisco quería darlle unha volta ao misal e á liturxia toda, por ser incomprensible para a maioría dos fieis. Non lle faltaba razón. Hai dous camiños: mandar a xente toda estudar sisudamente nunha universidade, ou simplificar a linguaxe relixiosa. Teríamos unha terceira opción recomendada por Wittgenstein: ante o que non sabemos, gardar un respectuoso silencio.