Ola, amigo santo Antón! Que tal por aí, pola terra da paz e dos soños cumpridos? Xa me esquecía de mandar a cartiña á que te teño afeito, e, mira ti, tivo que ser Rosa de Irimia a que me avisou do meu esquecemento. Perdoa. E non é por falta de estima, non. Anda un metido en mil historias e, por aquilo da confianza, ás veces páganas os máis amigos ou amigas.

Ben, xa sabes de sobra a revolta que temos aquí pola terra: a guerra de Ucraína, a guerra-xenocidio de Palestina (destas fálase moito, todos os días), e os moitos enfrontamentos bélicos medio calados dos que ninguén fala, pero que están aí, causando morte e destrución. Estamos indo moito a peor, a pesar do listos que nos cremos, do modernos que nos consideramos, das moitas posibilidades das que dispoñemos, a lo menos cantos seres humanos vivimos neste anaco de mundo occidental, do que eu cos meus formo parte.

E ben ves que non hai traza de que as cousas de recompoñan. Quen goberna nas nacións e quen no seu canto desexa gobernar líanse canto queren e poden en enfrontamentos absurdos, coma se de pícaros de patio se tratase, sen lle buscar solución aos problemas presentes e ás ameazas futuras que asoman xa a orella.

Parecerache que estou desalentado. Non che diría que non. Hai moita xente boa no mundo, facendo moito traballo de reconciliación –sábelo mellor ca min–, pero hai tamén unhas forzas, uns poderes ocultos –tamén o sabes mellor ca min–, que gustan deste rebumbio, porque neste rebumbio medran os seus intereses que, coma desde o principio, casan moi ben co posuír, co lucir, co ‘señorear’.

E aquí che andamos. Indignados, buscando consolo na xente nobre para o ser e para o facer, tecendo lazos sen exclusións no que podemos, gozando coa natureza que Deus nos deu, arrimándonos a quen connosco comparte fraxilidades, e algúns, bastantes diría eu, descansando en Deus a nosa ansia, lendo con agradecementos diarios como o da monxa Izaskun, agora defunta, e soñando coa terra nova que non dá chegado, pero seguimos soñando.

Que tal por aí? Supoño que cun chisquiño máis de paz. No que poidades botádenos unha man. Recordos, sobre todo ao Xavier do Xaime, o último amigo que nos deixou.

Apertas, amigo santo Antón, apertas.