2020, que deprimente, un ano para esquecer. Quen dixo tal? (Nota: eu mesmo o dixen, pero teño un trasacordo).
Exerzamos o oficio de esperanzadores. Un esperanzador é un carpinteiro que, no canto de facer armarios de melamina, fai esperanzas de carballo. Unha esperanzadora é unha labrega que, ademais de patacas, rabizas e reinetas, cultiva razóns para camiñar pola vida mellorándoa (Nota: as patacas, rabizas e reinetas da casa son, de seu, unha potente mellora da vida).
O argallo este da Irimia vai moito diso. Poñer o buzo de esperanzador cada mes e, veña!, a esperanzar un anaco! (Nota: esperanza crítica, que a ilusión ilusa é pasto de telepredicadores).
Por aquí pasaron en 2020 pequenas grandes realidades, vacinas contra a depresión espiritual. Velaí… Estivemos con Tamara Balboa defendendo o paridoiro de Verín, batalla ganada nesa guerra incerta por un rural habitable. E con Pepa Vázquez, impulsora da Asociación “Boa Vida” de Pontevedra, para darlle novas oportunidades á xente máis excluída: “a fraternidade que paga a pena”. Rubén Aramburu contounos de Nicanor Acosta, loitador até a fin contra os desafiuzamentos, e el mesmo desafiuzado.
Celia Carballido falounos da tarefa de Médicos do Mundo a prol da saúde das persoas inmigrantes. Convocamos, celebramos e narramos unha preciosa Festa do Lume, “Humanidade sen fronteiras”. Con Djibril Faye, inmigrante en e agora mediador cultural, e Mohamed Said, activista de SOS Racismo. Entrevistamos a Xosé Abad, alma mater de “Acampa, pola paz e o dereito ao refuxio”, que nos dicía aquilo tan lindo de que “o importante son pequenas conquistas que sumadas logren cambios a favor da humanidade”. Tamén celebramos a vida de Ernesto Cardenal.
Pasaron mulleres bravas, incribles, como Amelia Amigo, dos Ancares, no día da muller rural, e Marisol Bravos, do foro de vida independente, que nos dicía: “Pola miña propia historia de superación, soño cunha sociedade inclusiva”. E o marabilloso testemuño de Carme Touriño, enfermeira vocacional, en primeira liña contra o coronavirus en Pontevedra. Ah! E as monxas de Abadín, anos de implicación: “Aprendemos a humildade, o coidado dos veciños, da xente máis débil”.
E veu Xosé Manuel Pensado, crego en Mazaricos e promotor da ONG Égueire, que mantén unha maternidade en Costa de Marfil, porque “se non nos abrimos a outras realidades, estamos quedando coxos como pobo vivo”. Coincidía co noso brinde pola vida de Pere Casaldáliga. E así…
E a foto de Patrick Hutchinson, manifestante do movemento “As vidas dos negros importan”, salvando un neofascista foi todo un anticipo da derrota de Trump e as súas mentiras.
2020. Tanto que celebrar.
Black lives matter