A Ourensanía era un termo que daba moito de si cando o pronunciaba xente como Baltar o vello.

Eran outros tempos. Ourensanía era que un dos maiores empregadores da provincia máis pobre e envellecida de Galicia fose a súa Deputación, co seu buque insignia: aquel pazo provincial dos prodixios, o edificio público que disque tiña a taxa máis alta de porteiros por porta de toda Europa. Porque, a ver, non é acaso un orgullo “coidar dos de un”? Ourensanía era esa maneira de estar no mundo, harmonizando contrarios, e que unha alto cargo do PP casase cun líder nacionalista de esquerda, e viceversa, porque o importante é que na familia haxa algo de todo, polo que poida pasar. A ourensanía parecía unha grande cooperativa; parecía, pero non, non tal. Era, en realidade, unha gran familia. E a familia é a familia, que diría don Vito. E o respecto é o respecto.

Pero seica nada dura para sempre. A cousa foi dexenerando coas novas xeracións, nunca mellor dito. É o que teñan as dinastías. Ai, aquelas gravacións do Baltar fillo chamboneando sen estilo un postiño de traballo a cambio de sexo furtivo nun hotel!; aqueles días negros para a ourensanía enxebre, días nos que caemos da burra todos aqueles que pensabamos que iso da “erótica do poder” era unha metáfora sociolóxica. Buff! E a xuíza resolvendo que si houbera trato, que a muller fixo a súa parte, pero que el non moveu un fío no departamento de persoal! Prometer e non dar. Aquilo era un sinal. Nada ía ser o que fora. A couza entrara na cerna. E atrás quedou o Código da Familia, o saber protexer, con estilo e mando, con vara alta na vida e os destinos da xente, con estilo. Aquela graza de saber recibir o agradecemento electoral coa elegancia dun feirante cando cerra un trato.

A couza. Xente seria que escribe nos xornais xa nolo dicía días atrás. Para conservar a Deputación ourensá o PP de Feijoo pactou con quen eles alcumaban como “letal” para Ourense. E o letal, vaia, vaia, novo alcalde de Ourense, non dubidou en soster na presidencia da Deputación a quen el alcumara de “psicópata con gravata”. Cambio de cromos. Cámbioche o letal polo psicópata, non sexa que vaia gobernar a lista máis votada. Pero iso, vaites, non, iso no é un “pacto de perdedores”.

Feijoo vai necesitar moito xylacel.