O curso acelerado de sororidade que recibimos recentemente activou unha conexión mental de experiencias, informacións e lembranzas: a sororidade – aínda sen bautizar– estaba aí de vello.
Estaba nesas mulleres bravas do marisqueo a pé, que comezaron a organizarse nos anos noventa do século anterior, conseguindo recoñecemento, profesionalización, cotización e un chute de autoestima. Con decisión e complicidade, formación, apoio da Consellería, de técnicos e funcionarias, con programas europeos, con aplauso social e institucional, superaron daquela os atrancos dun “machismo de Confraría” que faría palidecer o do extinto Rubiales. Era a fórmula máxica: facer o que facían por tradición e experiencia, dunha maneira sustentable e organizada; ser protagonistas na produción “a longo prazo” dun alimento de altísimo valor, para un mercado que o agardaba cos brazos abertos. Ameixa fina, babosa, xapónica. Sororidade e Terra (e mar), alianza, coidados, heroínas do territorio intermareal.
A Galicia sorora é, ademais de emocionante, intelixente: o ouro do futuro son os alimentos de calidade. Galicia é de seu, en toda Europa!, unha marca de bo xantar. Non debería ser ese un obxectivo prioritario nun proxecto de país?
“¿País?” “¿Proyecto?” “¿De qué me habla usted?” O enanismo aspiracional do actual “goberno regional” é o que é. Só así se explica que ese ouro alimentario do futuro galego, teña tan poderosos adversarios con conexións de alto nivel. Adversarios que buscan o ouro de sempre e, quen di ouro, di volframio e estaño. Os da mina de San Finx, sen irmos máis lonxe, a 7000 metros das praias, no alto de Lousame, en caída sobre esa marabilla que é a ría de Muros-Noia.
Custa entender que xulgados e Fiscalía teñan que estar investigando actuais altos cargos dos departamentos de Augas e Minas da Xunta por supostos delitos de falsidade en documento público e irregularidades nas autorizacións. A de baleirado, concretamente, implicaría o bombeo de máis de 800 000 metros cúbicos de augas con metais pesados río Rabaceiras abaixo. Un río no que xa as recentes medicións oficiais deron niveis de cadmio 78 veces superiores ao permitido. A “mar é femia”, que din os mariñeiros, pero está farta.
Non se inventara a Xunta para defender a xente, o medio natural, o futuro desta nosa terra? Ten sentido que media Xunta de 2023 poña en risco un dos mellores logros da Xunta dos 90?
Si, están conseguindo que a xente se pregunte para que raios serve unha autonomía. Igual se trata diso. A sombra de Vox é alongada.