A terra quer lentura, foi lema dunha Romaxe. Lentura: esa humidade exacta para que a semente xermole, a raíz arraigue, a horta soleza. A terra lenta dunha lingua é a súa xente, comunidade e territorio, espazos para ser e respirar. Unha lingua sabida e non falada é unha planta sen terra, unha peza de museo.

A realidade do galego nas últimas décadas tivo curiosidades múltiples. Unha delas coido que xa a comentamos aquí hai tempo (e se cadra aínda estea algo vixente): nunha escola de Castro de Rei -e por extensión nas escolas das zonas “espontaneamente” galegofalantes do País- os profesores falaban castelán nas aulas e galego na hora do café. Pero ese mesmo día en Nigrán – e por extensión nas zonas nas que o galego é cousa máis ben de xente maior- os profesores falaban galego na clase e castelán na súa vida particular. Non sempre, non todos: son tendencias.

Cun idioma tan xeitoso en crise existencial compriría facer algo. En común. Por exemplo, unha rede de voluntariado. Anotarse e ter carné: galegamante. Como o club xabarín pero para todos os públicos. E tratándose dun voluntariado cívico, dun “exército de salvación” que se pon mans a obra para promover algo que a clase dirixente -no Día das Letras, algo é algo- cualifica de “tesouro” “precioso legado”, “inmorrente patrimonio común” etc. Pois iso, algo de apoio oficial. Como no carné xove.

As xentes do país con carné galegamante ofrecerían lentura ao idioma en época de secura. Resumindo: vivir en galego para que o galego teña vida. Co carné e o descaro por diante. Con humilde fachenda. E co orgullo que daría tamaño invento -porque é moito donodoseñor iso de ser parte da brigada defensora dun “inmorrente patrimonio común” que morre porque o común é que non se considere un patrimonio.

Crearanse os círculos de galegamantes e as actividades de cargamento de baterías cerebrais e motivacionais. Novas irmandades de fala que fagan que pasen cousas en galego: cociña tailandesa, teatro clásico, club de lectura, misa de doce, galibici polo país, clubs de fans das tanxugueiras. De todo, sen ideoloxías. Con moita vida, con pluralidade, con normalidade, sen problemas… Pero en galego. Os círculos de galegamantes terán un xornal propio para intercambiar experiencias, contarse historias. E un programa dunha hora na TVG. Mínimo.

Porque a cousa é esa: que os territorios que falan galego o deixen de subestimar. Que os territorios que o falan pouco, o deixen de mistificar. É un idioma. Necesita lentura, terra, xente normal que o fale e escriba cando fai cousas normais.

O demais é ruido para encubrir o linguicidio.