O mesmo día que me dispoñía a editar a versión final da conversa sobre os inmigrantes que vai neste número, fixen cediño pola mañá o paseo co meu can, monte adiante. Nunha desas, vin que viña de fronte unha moza disfrazada de trekking-decatlhon, acompañada doutro cánido ceibo, de maior envergadura e sexo indefinible a esa distancia. Chegando á altura e vendo o encontro inminente, ceibei con estilo colega-sociable-guai un “Ola! É femia, non?” A moza respondeu, “Si, es una chica!”. O meu can e a súa chica cheiráronse as súas partes e seguimos en dirección oposta. Quedoume gana de rematar a mini conversa cun “Non, chica, non. É femia, cadela. Chica aplícase ás persoas, chicas eran as seis mulleres que morreron onte entre Marrocos e Canarias por unha criminal omisión de socorro”. Pero calei para non parecer un friki de Irimia, que é unha das peores cousas que se pode parecer.
Non volvo aquí sobre o tema dos animais con dereitos en contraste coas persoas que carecen deles. Xa temos tirado demasiadas veces dese fío. Quizais se humanizamos as “mascotas” é porque necesitamos un “outro” que nos cure a ferida moral de deshumanizar persoas, de crearmos entre todas e todos esa des-humanidade de terceira clase. O curioso é que para humanizar animais, primeiro desanimalizámolos, comezando coa capadura xeral, seguindo polo enclaustramento en 45 m2 e rematando por compartir cama e mantel.
Deixemos logo pasear as dúas chicas do conto e centrémonos nos outros seres humanos.
Agora que a economía disque precisa man de obra inmigrante, sería boa cousa que os partidos en campaña escoitasen e fixesen de altofalante das ONG e dos propios inmigrantes e refuxiadas que xa están entre nós. Son enormemente diversos. Teñen potencial e capacidades distintas, unha experiencia que hai que valorar e unha motivación en xeral alta. Non poden seguir neses limbos de ilegalidade semilegal, de traballo que non é traballo, de formación inaccesible. Acoller, valorar e diagnosticar situacións, fortalezas e debilidades, incorporar a procesos formativos reais, flexibles, adaptados e certificables, facilitar e non atrancar a súa normalización cidadá, a posibilidade de contratos legais con cotización e dereitos.
E cambiar estereotipos, con campañas que mostren o seu valor, o seu esforzo, a súa disposición.
Non pode ser que o neofascismo marque a axenda do país. Non pode ser que nos faga tan mala xente.