
Mesmo había que encirralos para que contasen algo negativo. Pero nada. Por fin varios deles se decidiron…. “pois a verdade que o da choiva levémolo mal, mal”. Rimos un anaco. E aproveitamos para practicar o de “nunca choveu que non escampara, ou, mellor dito, escampase”. E foron saíndo outros temas, como a vivenda.
E niso tocoulle a unha muller caladiña. Contou a súa experiencia nun lugar de Galicia que non vén ao caso: “traballei na cociña dun restaurante, fieime da palabra daquela señora, sen contrato, claro, e cando me botou quedou a deberme mil e pico euros. Cando llos reclamei ela estaba no seu coche, arrincou violentamente e causoume varias lesións. Veu a Guarda Civil e atendéronme ben. Dicíanme: pero, muller, non aceptedes traballos en negro que así non tedes dereitos…”. E emocionouse. E o caso real deu pé a un aplauso e moito debate. Tamén saíu o desagradable asunto deses discursos políticos da santa dereitísima que poñen sempre xuntos a inmigrantes e delincuencia. “Iso está ben feo”, “Non axuda”, “Nós queremos traballar”.
Á saída vin que Feijoo acababa xusto de facelo na campaña electoral catalá, vinculando con simplismo perverso “ocupación de vivendas” con “inmigración ilegal”. Mágoa, pensei, que bo contexto para aprender a usar outro dito galego ben “popular”, ese que di “outra vaca no millo”.