Nunha emisora de radio, para contextualizar aí atrás o trunfo de Claudia Sheinbaum nas eleccións mexicanas, puxeron digamos “aires típicos” daquelas terras, entre eles, o coñecido corrido “Adelita”.

Ahá, “acertaron por contraste”, pensei: como de naturalizado está que se Adelita marcha con outro hai que perseguila por terra e por mar, pero non de calquera maneira artesanal ou improvisada, vaites, nada de ir a remo ou en burra, hai que facelo como merece a circunstancia e a ofensa, “si por mar en un buque de guerra, y si por tierra en un tren militar”. O final da persecución de Adelita quedaría recollido noutro bolero que cantaba con deleite Joan Báez (musa da canción protesta, activista da non violencia) hai unha manchea de anos, cando ninguén reparaba nestas cousas: aquel “preso número 9”, ao que ían fusilar “porque mató a su mujer y a un amigo desleal”, e nada de arrepentimento, pois o machiño, inflado de paixón, retrucaba ao padre confesor con aquel “la maté si señor y si vuelvo a nacer yo la vuelo a matar”.

Feita esa conexión Adelita/Sheinbaum dei por suposto que tiña o artigo feito: como raios poñen a Adelita para musicar a vitoria dunha muller que seguro que gañou polo voto femenino de tantas Adelitas fartas de vivir nun país cun altísimo nivel de feminicidios. E menos mal que contrastei. Non tal! A líder esquerdista mexicana foi votada por un 62% dos electores homes pero só por un 56% das mulleres.

A perplexidade durou unha semana. (E deume tempo a repasar o debate sobre o sufraxio feminino entre Clara Campoamor e Victoria Kent nas cortes da II República, por se era de utilidade).

Cando deron polo miúdo os resultados das eleccións europeas fun de contado revisar os “microdatos”. O axitador ultra e líder de “Se acabó la fiesta”, alimentador de trolas en Telegram e Tik tok (ese alimento espiritual e intelectual dunha crecente porción da mocidade europea), que maldí as axudas a inmigrantes, pon en dúbida a violencia machista e prometía construír a prisión máis grande de Europa para meter dentro ao presidente socialista de goberno, ten un perfil de votante ben definido: o 75% son homes. E algo parecido pasa cos votantes de Vox. E ademais, son rapaces novos. Calculan os expertos que arredor dun 34% dos varóns novos nesa circunscrición única chamada Reino de España (Profunda) escolleron unha desas dúas opcións. Ide abrindo os paraugas.

As mulleres son o actual apoio das forzas de progreso, dos dereitos que igualan, da sensatez contra a tolemia. Veñen dunha infamia de séculos e saben o que se xogan; o que nos xogamos con certos xogos.

E Adelita? Pois Adelita hase fartar. É só cuestión de tempo. E collerá o timón da súa historia.