Hai sete anos esta mesma sección titulábase «No niño da serpe». Poñía o foco niso que a psiquiatría infantil deu en identificar como “os nenos emperadores”, as “hipernenas”, rapaces e rapazas que non son, precisamente, adorables, porque son e sábense adoradas, que é algo moi diferente a benqueridas.

Preocupábannos daquela os posibles efectos nas nosas sociedades «dunha xeración de adolescentes egocéntricos, incapaces de xestionar a precariedade, de diferir a satisfacción, de ser felices con pouco, de pensar en primeira persoa do plural, de compadecerse, de querer sen dominar, de descentrarse e poñerse en formato comunal, de aceptar que o diferente invada o teu espazo… O máis preocupante é, ollo, se non estaremos incubando a serpe dun novo fascismo».

Andan agora os analistas políticos a voltas co apoio das “novas xeracións” aos novos fascismos europeos. Non hai que simplificar. Todo suma: unha gran ignorancia sobre a historia, a crise de identidade dos “machos” –non só dos ibéricos–, ese non-dereito á vivenda e á emancipación, un futuro que xa non é o que era etc. Pero agora, ademais, está o grave e menos debatido asunto dos arquetipos, dos mitos e dos relatos que alimentan a fibra moral dos votantes –e, nomeadamente, dos “vontantos”– que veñen, cabalgando vox en grito.

Semella que educadores –nais e pais, profes, a veciña da porta…– dimiten da súa función de dar un bo alimento para o espírito ou, cando menos, un límite de cando en vez. Aquilo da “bondade” soa inxenuo e xa non digamos a “bondade boa” a que non é barata, a que leva unha carga de renuncia ao propio. Ou quizais, soa a relixioso. E non pasaría nada, ou si, depende. Como dicía non me recordo quen (acepto recordatorio), «Cando me din ‘son ateo’, eu pregunto: ·“Si, pero ateo de que relixión?”». Ninguén ten tanto a deus –con hiperminúscula– na boca como Trump e Netanjahu. Franco fusilaba baixo palio. E Pinochet comungaba ostentosamente. Si, si, si.

Pero… a solidariedade, a compaixón, o gozo da sobriedade compartida; o respecto polos dereitos comezando polos dereitos dos máis próximos; a defensa do indefenso… son acaso unha flor ventureira que nace espontaneamente na ánima dos nenos e nenas? Neses que logo viven, respiran e se alimentan de tiktokers e influencers do universo dixital controlado polos algoritmos de Elon Musk e compañía? En serio? Somos tan imbéciles de crer esa merda, dispensando?

O novos fascismos agradecen unha mocidade que non estea inoculada por unha vacina chamada bondade. Debe ser por aquilo de que son antivacinas. Pura coherencia.