Que terán que ver Bansky e Raña, diredes. Pois algo ten que haber. Porque Ramón Raña, finado recentemente, veume á cabeza ao ler a nova sobre o Louise Michel, o barco de rescate de migrantes que paga Bansky e que estaba eses día atrás salvando vidas no Mediterráneo. Bansky é un grafiteiro fóra de serie. Os seus debuxos, como o que decora o barco, son obras de arte que golpean as conciencias satisfeitas, arte en paredes polas que os coleccionistas pagarían unha pasta difícil de imaxinar. Podería ser moito máis rico do que é, pero sobre todo podería ser famoso, gabado, recoñecido, chufado, homenaxeado, aplaudido… Pero Bansky escolleu o anonimato, a non-presenza, o non-aplauso. Non se sabe con certeza quen é Bansky. Pero no seu twitter, di que financia o barco como un acto antifascista.

Ramón Raña, primeiro presidente de Irimia, foi moitos anos – os anos difíciles – párroco de San Sadurniño, “Sansa” para el. Era dos que desde abaixo, termaba das cousas; desde atrás, facía posible o necesario. Ás caladas, co sorriso pícaro, case desde o anonimato. Ramón facía cousas como carretar todas as semanas a Irimia en papel a Barallobre e despois cos “fotolitos” facelos chegar ao prelo de Sobrado. Foi o factótum das oito primeiras Romaxes e promotor do grupo Boa Nova que se reunía na súa casa e ceaban o que lles preparaba a súa nai, á que coidou persoalmente ata o seu pasamento.

Sempre en tarefas colectivas, comunais, das que non se asinan, e nas que sempre había outros por diante. El, simplemente, facíaas posible. Sen figurar. Como cando acabado de chegar a “Sansa” renunciou ao traballo intelectual e remangouse para axudar os veciños coas declaracións e papelorios da Concentración Parcelaria, ou con proxectos cooperativos, ou creando a “Cantareliña” aquel certame de música para a rapazada en galego (que ben viría hoxe!) ou promovendo o grupo Saraibas. Iso si, para quen non era anónimo era para o “Réxime” que, como el contou e documentou nesta revista, abriulle expediente e deulle sustos como o do rexistro da reitoral pola policía franquista na procura de Elvira Souto, compañeira de Moncho Reboiras.

Só ao final da súa vida contou en primeira persoa os seus méritos e achegas, moitas en primicia nesta revista. Por iso sabemos como estaba acusado de “Menosprecio del Régimen, exponer en conferencias los más extraños principios religiosos y morales, …o galleguistas. Y buscar los fundamentos de un nuevo orden político”.

Bravo Raña, home de fe. E bravo Bansky, outro tanto. Si, tamén Bansky, coa súa fe anarquista nunha humanidade capaz do mellor, dunha fraternidade radical, que supera toda forma de opresión. A iso Raña chamáballe a vontade de Deus.