O trasno. Catedralizar o litoral? Eremitizar o resto?

Na carreira das ocorrencias a Xunta de Galicia propuxo estender a todas as praias do país o modelo da praia das catedrais. Os alcaldes con praia, a través da FEGAMP, rexeitaron semellante idea. A Xunta recuou.

A cousa consistía nunha aplicación do móbil para reservar día e praia nunha plataforma chamada “praias seguras”. Coma na ITV. Habería que ter un móbil intelixente e saberse manexar, planificar a cousa, usar un código QR cando chegas á praia, conquistar un recuncho de dous por dous, a dous metros mínimo dos recunchos veciños, norte, sur, leste e oeste e, veña, a torrarse legalmente.

Se cadra, polo aquel da distancia social, a vantaxe destes sistemas é que exclúen de entrada a quen non teña a intelixencia no seu móbil, senón na súa cabeza e nas cousas que antes eran as importantes, parvadas como coidar da vida, da xente, da leira e dos netos. Chámanlle a fenda dixital e afecta máis aos maiores, ás mulleres e á xente de aldea. Vaia, vaia, aquí non hai praia.

A cousa era polo virus este e a desescalada. Pero arrepía só pensar no “modelo Catedrais”. Masivo, tecnolóxico, motorizado, gregario. Ringleiras de coches, ruído a esgalla, reas de xente disfrazada de sendeirista, po, suor e ferro… o turista cabalga. E un dubida se algunha cabeza dirixente non cavilará en catedralizar de Camposancos á ponte dos Santos, unha costa de chiringos, atascos e présa por fotografalo todo, sen gastar un can nos negocios locais. A lume de carozo e bocata de choped de Mercadona no fardel. E co catálogo de todas as praias de Galicia no móbil! Mi ma!

Cómpre facer do virus unha oportunidade e cambiar o rumbo. Porque, falando do territorio e do seu equilibrio, mira que non hai sitio na Galicia interior para promover alternativas ben seguras, nin xente alí vivindo con boas casas de comidas e de durmidas. Porque a Galicia interior non é un kalahari con eremitas esparexidos, vaites. Tampouco é que os mil ríos nazan a dous quilómetros do mar, era boa. Nin é, por suposto, que os Ancares, o Courel, o macizo central, a Enciña da Lastra, a Ribeira Sacra, o Xurés ou o Ribeiro, a Terra de Montes ou a Fonsagrada, Celanova ou o alto Miño etc, etc… non sexan sorprendentes. Nin que os mil ríos, os cen mil sendeiros, fragas e fervenzas; os miradoiros, as aldeas, os petróglifos e a nosa xente, non sexan unha regalía.

Pero hai quen ten o “modelo” dentro.