Davos está na Suíza. Monte, fragas alpinas, lagos. Moi “chic”. E alí un club privado exclusivo organiza o Foro Económico Mundial. Son o Sanedrín da economía capitalista, unha elite de sabios defensores do statu quo: debaten como facer que ese capitalismo se adapte e sobreviva. Porque con tanta crise financeira, pandémica e bélica, a cousa está que arde.
Nos debates do Foro de Davos 2023 apreciouse un consenso sobre os riscos que para o sistema ten iso de que, con cousas como a economía dixital e o comercio electrónico, os ricos sexan cada vez menos, pero moito máis ricos. Falouse de “riqueza” e de “pobreza”, con esas palabras. De que esa concentración da riqueza, a crecente desigualdade e o empobrecemento das clases traballadoras e das chamadas clases medias é unha pésima noticia para o bo funcionamento do capitalismo mundial. É dicir, a evidencia de que nun mundo de ultrarricos (poucos) e empobrecidos (maiorías sen capacidade de compra), o capitalismo colapsará. En consecuencia, da necesidade dun sistema impositivo avanzado que modere e compense as desigualdades que o mercado crea, que retire cartos das contas dos ricos para asegurar o benestar, os servizos básicos e as rendas suficientes dos afogados e empobrecidas pola tolemia actual. E puxeron a Pedro Sánchez polas nubes.
Arteixo está aí na volta. Paseos de mar brava, vales verdes e boas empanadas. Sitio xeitoso. E un polígono – nada é perfecto – no que, ademais de Inditex, están La Voz de Galicia e o Museo Santiago Rey Fernández-Latorre, onde hai poucos meses se celebrou o Foro Económico de La Voz y Abanca. Alí o licenciado en dereito, Rueda, sacou músculo rebelde liberal, anunciando unha rebaixa do 50 % no imposto aos ricos –de competencia galega–, o que grava o patrimonio. Unha perda para o público duns 33 millóns de euros anuais (arredor de 550 médicos). Nada novo. Simple reafirmación no dogma erróneo que Davos cuestiona. Seguía o ronsel do seu mentor o licenciado en dereito, Núñez, que marchou para facer as Hespañas e reconquistar o perdido en competencia coa licenciada en xornalismo, Ayuso, que antes de chegar onde chegou, tiña varios méritos recoñecidos na Wikipedia, como o de crearlle a Esperanza Aguirre a conta de Twitter do seu can Pecas, que comeza así: “Me llamo Pecas y vivo en Malasaña con una rubia castiza. Incontrolable. Liberal. Seductor.” (Velaí!: “liberal”).
Á parte de que Arteixo merecía algo máis, os malos economistas que nos gobernan deberían abrir as orellas e non porfiar na senda do colapso marcada por Pecas, a súa dona, a súa sucesora e o que compite coa súa sucesora por salvar a Patria.