1948. Bos Aires. O 25 de xullo. Foi a derradeira lección do mestre, o último gran discurso. Un Castelao de saúde fráxil, xa consciente da derrota, diante dun auditorio de emigrantes e exiliados galegos, pronuncia a ben coñecida Alba de Gloria.
Alonso Montero
O irmán Daniel, emocionado, proclama dalgún xeito “fillos e fillas predilectos de Galicia” aquela preciosa e diversa Santa Compaña, na que Prisciliano e Exeria van diante, xunto a san Dámaso e Paulo Orosio, o historiador. Na enorme ringleira hai cores, acentos, ocupacións e voces diferentes e —dialecticamente, “contraditoriamente”, por veces— complementarias: Xelmírez, Alfonso VII e Inés e Xohana de Castro, pero tamén o mestre Mateo e os trobadores —Airas Nunes, Mendiño, Xohán Airas, Martín Códax…— dando música e cor. Van Pedro Madruga e Pardo de Cela, pero tamén os irmandiños con Rui Xordo, que “sostén un facho de palla acesa e fumeante”. Sarmiento de Gamboa, navegante; Andrade e Casas e Nóvoa, arquitectos; Padre Sarmiento e o Padre Feixóo; “Añón, Rosalía, Pondal, Curros, Lamas e moitos outros, todos con estrelas sobre a fronte… os historiadores Vicetto, Murguía e López Ferreiro; os patriotas Faraldo e Brañas; a pensadora Concepción Arenal; a escritora Pardo Bazán; e, por fin, o gran don Ramón, aínda non ben descarnado…”.

Hai varias maneiras de interpretar a historia propia, as diverxencias, as coincidencias, as críticas cruzadas, os procesos. Castelao escolle a interpretación dialéctica e inclusiva: mesmo o que contradí a nosa maneira de estar no mundo, o noso enfoque de servir á gran causa, pode ser integrado, porque nos complementa, matiza, desafía e perfecciona. Quen non se cuestiona nunca é o que ten o problema.

Castelao podería escoller outras maneiras. Excluír por razóns de clase, por razóns de coherencia lingüística, por razóns de analoxía ideolóxica ou por razóns desas feridas que deixan as inevitables diverxencias, liortas e mesmo faltas de consideración.

Alonso Montero fixo achegas magníficas para unha comprensión do conflito lingüístico en Galicia. E foi un profesor que cambiou a perspectiva de xeracións de estudantes da capital luguesa, rompendo prexuízos e desenmascarando falsos “bilingüismos” harmónicos. Para vetar o nomeamento de Alonso Montero como fillo adoptivo de Lugo, hai que fiar moi fino. Tan fino que corres o risco de quedar sen fío. Claro que houbo diferenzas, acres debates, palabras grosas entre o profesor comunista e o nacionalismo de esquerda. Pero ese tipo de diferenza, non é acaso inevitable e mesmo necesaria para avanzarmos con madurez?