Ten que ser algo gravado a lume no ADN galego. Compartímolo con Portugal, algo logo moi atlántico, quizais. Unha síndrome de desconfianza cara ao noso, ao que nos fai distintos –e distantes– do conxunto, dos conxuntos nos que a historia nos foi poñendo. Desde logo que ten un lado bo, pois é unha vacina contra o virus do “chauvinismo” –iso que din que é tan francés, pero que comparten case todas as culturas imperiais– e, ademais, dános esa capacidade de rir de nós mesmos, sen deixar de considerarnos riquiños, sen perder chisco de convencemento de que temos as mellores patacas do universo.

Por esa síndrome seguramente deixamos que desfixesen –desfixemos, en definitiva– a fermosura antiga das nosas vilas mariñeiras, sen a máis mínima resistencia. Por iso a paisaxe que temos, natureza e patrimonio, é fonte de todo tipo de morriñas –lonxe da terriña, lonxe do meu lar–, pero non temos problema en que se destrúa e perda a súa “distintez”. Por iso estamos tan felices con que o idioma propio e ben falado sexa substituído por outro distinto ou por outro ao que chaman igual, pero que, deusmeperdoe, manca nos oídos.

Pero a riquiñez adaptativa ten consecuencias. Pagamos esa factura moitas veces. Agora, por exemplo, volve a nova de que un campus universitario excelente coma o de Lugo, especializado en formar técnicos agrarios que transformen o país desde a propia tradición, desde os propios recursos, innovando con raíz, ten outra volta prazas vacantes. Pois iso. Como se esa formación para retomar o noso potencial para producir alimentos de calidade fose “demasiado galego” como para atraer a xente nova galega.

O curioso que nin coa lección do COVID-19 aprendemos. Esta pandemia puxo en claro que hai actividades económicas prescindibles e outras imprescindibles. O sector primario, iso din os estudos publicados, foi –xunto coa banca! – o único que medrou durante esta crise sanitaria.

Está claro que temos os recursos para producir os mellores alimentos de Europa. É cuestión de organizalos. Alimentos imprescindibles, industria “resistente ás crises”. A marca Galicia ole a boa comida e Finlandia, Flandes e Renania Westfalia. Hai camiños abertos.

Se non o facemos é máis ben por nós, por coherencia cos nosos principios máis arraigados, porque nos sigue cheirando a que é algo noso de máis como para pagar a pena.